Salvemos Cabana anima a que os cidadáns impulsen as alegacións contra a mina de Touro
A plataforma solicita á Xunta que desestime a súa autorización.
As consecuencias da antiga mina son visibles. Foto: Salvemos Cabana.
A plataforma Salvemos Cabana presentou á Xunta as súas alegacións contra o proxecto da mega mina de cobre que se pretende reabrir en Touro. Nelas, debullan os defectos da documentación achegada pola promotora e as consecuencias para a contorna.
Nun comunicado, Salvemos Cabana rexeita que se tramite este novo proxecto sen restaurar previamente "o desastre ambiental provocado por operacións mineiras" na zona entre o 1970 e o 1986. Denuncian que aquela actividade "acabou por provocar unha afección inadmisible sobre augas superficiais e subterráneas e, polo tanto, un problema de saúde pública".
Tras o estudo da documentación achegada, a Plataforma valora como incompatible o proxecto coa Directiva europea da Auga, que considera que a auga "é un patrimonio que hai que protexer" mediante "a supresión de verteduras e substancias perigosas".
Consideran que nesta explotación é imposible evitar as fugas, tanto mentres estea aberta como no plan post-clausura. "Ademais, a documentación achegada pola promotora, non aclara cales serán as necesidades hídricas da iniciativa nin como vai obter a auga sen afectar ás traídas municipais, nin cal pode ser a afectación real aos mananciais locais que fornecen auga á poboación da área de influencia do proxecto".
A MINERÍA SUSTENTABLE NON EXISTE
Salvemos Cabana rexeita, ademais, o concepto de 'minería sustentable', e "moito menos no caso de proxectos de megaminería coma o proposto, no que a dimensión dos traballos, realizada a gran escala, implica a utilización de inmensos volumes de auga, procesado de grandes cantidades de roca, e o emprego de reactivos químicos de elevada toxicidade".
Tamén critican o impacto en núcleos de poboación próximos e as "cifras de emprego total dificilmente cribles" que contempla o proxecto. Ademais, subliñan que a promotora esquece as "importantes afeccións negativas do proxecto sobre actividades como a agricultura, a gandería ou o sector forestal", así como a previsible depreciación dos bens inmobles da zona.
PRESIÓN SOCIAL
Por tanto, ademais do seu escrito técnico, Salvemos Cabana pon a disposición de todas as persoas interesadas un modelo básico de alegacións (que pode descargarse en ir.gl/alegatouro) para entregar asinado en calquera rexistro público dirixido á Consellería de Economía Emprego e Industria ata o vindeiro mércores 4 de outubro.
Escribe o teu comentario