Pantilimon defende a Pepe Mel: "É bo para nós que continúe"
O gardameta do Dépor di non entender por que se cuestiona ao adestrador, do que di que "está a facer un bo traballo".
Pantilimon, en Riazor. Foto: RC Deportivo
É inevitable que o tema de maior inquietude no Dépor sexa a continuidade de Pepe Mel no banco. Nese sentido, Costel Pantilimon, que compareceu este mércores ante a prensa en Abegondo, defendeu o adestrador.
"Non sei por que (está cuestionado). Está a facer un bo traballo", afirmou. Aínda que recoñeceu que "os resultados non son bos" e é consciente da esixencia. "Desexo e espero que empecemos a gañar pronto para quitarnos a presión de encima. Cando hai vitorias todo o mundo está feliz", manifestou.
O gardameta insistiu en que "é bo para nós que continúe, non hai debate". Defendeu, ademais, que están "a traballar nos adestramentos" para solucionar as carencias defensivas, "os erros que conceden goles".
O do sábado será, por tanto, un partido complicado, e non só pola situación propia, senón tamén polo rival, o Xetafe. "É un equipo agresivo, que xoga moi compacto e veñen de gañar, dunha vitoria importante", explicou, aínda que todo iso non serve de escusa para non gañar ante a propia afección.
Escribe o teu comentario