Concentracións en varias cidades polo Día internacional do dereito ao aborto
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto convoca os actos na Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo.
Concentración en 2014. Foto: Plataforma A Coruña polo Dereito ao Aborto
A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo acollen este xoves, día 28 de setembro, concentracións convocadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto con motivo da celebración do Día internacional do dereito ao aborto.
A primeira das mobilizacións é a de Ferrol, concretamente ás 11,30 horas no Marcide. Pola súa banda, ás 19,30 horas celebrarase a concentración de Vigo, que será ante o Marco; e, ás 20,00 horas, en Santiago (Praza 8 de Marzo) e A Coruña (Obelisco).
Con motivo deste Día internacional do dereito ao aborto En Marea remitiu un comunicado aos medios no que pide aos poderes públicos que garantan o dereito das mulleres "a ter control respecto da súa sexualidade, incluída a saúde sexual e reprodutiva, así como a decidir libre e responsablemente sobre a súa maternidade".
"O contrario supón unha vulneración grave deses dereitos e un ataque frontal contra a liberdade, a dignidade e a integridade das mulleres", sinala o partido instrumental.
Escribe o teu comentario