Colaboración cidadá para dar coa nai do bebé achado nun colector

Os responsables do abandono poden enfrontarse ata a 20 anos de cárcere. A procura amplíase a fóra de Ourense.


|

Bebe 1


A Policía Nacional de Ourense solicita a colaboración cidadá para descubrir quen pode ser a nai deo recén nacido que apareceu abandonado no interior dun colector de lixo o pasado domingo, e que se atopa en perfecto estado no Complexo Hospitalario de Ourense á espera dunha familia de acollida. Os responsables do abandono poderían enfrontarse a penas de 15 ou 20 anos de prisión.


Esta chamada prodúcese despois de comprobar que non hai cámaras na contorna onde foi abandonado o neno e cuxo visionado se converteu na vía inicial da investigación.


A Policía apela aos veciños do barrio do Vinteún (onde apareceu o bebé) para que, se teñen sospeitas de ter visto algo inusual o pasado domingo, entre as 14,30 e as 16,00 horas, chamen á Comisaría.


Trátase de localizar a persoa que puido introducir o bebé no colector e que puido chegar á zona andando ou en coche. Fontes da investigación non descartan que se trate doutra persoa diferente á nai debido a que a muller se atoparía moi débil para portar o bebé polas rúas tras dar a luz.


Fontes da investigación sinalan que o sospeitoso debía portar a manta branca con raias azuis, na que estaba o neno, así como outra bolsa que tamén arroxou ao colector e que contiña outros restos do parto.


COMPORTAMENTOS ESTRAÑOS


Por outra banda, anímase aos ourensáns a informar tamén no caso de que nos últimos días visen algún comportamento ou actitude estraña en persoas da súa contorna que estivesen a esperar un fillo. Desde a investigación insístese en que quen realice estas chamadas manterán o seu anonimato.


Ademais desta nova liña de actuación mantéñense abertas as frontes abertas onte luns, que se centran na análise das roupas e restos achados xunto ao menor; así como nun "varrido" para coñecer o estado das mulleres que estaban embarazadas e saían de contas coincidindo coa idade do menor (unhas 37 semanas de xestación).


"VARRIDO" NA PROVINCIA


Desde a investigación confírmase que á lista dun cento de mulleres manexada ata este luns engadíronse as futuras nais nas comarcas próximas á capital, como do Carballiño e Allariz, para ver se unha delas pode ser a nai do menor abandonado.


Tamén se apunta se esta procura se ampliará ao resto da provincia no caso de non obter resultados.


Ademais, alúdese á colaboración dos centros médicos e hospitais "de toda Galicia" para que informen no caso de que "observen calquera anomalía" que podería corresponderse co caso.


Respecto dos restos atopados xunto ao recén nacido no colector, os investigadores analizaron o ADN do menor para cotexalo coa súa base de datos por se existe algunha coincidencia.


ENTRE 15 E 20 ANOS DE PRISIÓN


Fiscalía confirmou que, "en función das circunstancias e do resultado da investigación", os responsables do abandono do bebé enfrontaranse a unha posible tentativa de homicidio ou tentativa de asasinato con penas que alcanzarían entre os 15 e os 20 anos de prisión, respectivamente.


Pola súa banda Política Social, ratificou "non hai novidades" no estado do recén nacido e que pasará a estar cunha familia de acollida "en canto lle dean a alta", aínda que aínda non hai unha data.


O bebé atópase en bo estado na unidade de neonatos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Os axentes da investigación comezaron a chamarlle "Manuel", en homenaxe ao indixente que o atopou o pasado domingo.


relacionada Atopan un recén nacido nun contedor de lixo de Ourense

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE