Atopan un recén nacido nun contedor de lixo de Ourense
O bebé atópase fóra de perigo no hospital. Sospéitase que foi abandonado aos poucos minutos de nacer.
Un recén nacido foi atopado deste domingo nun colector de lixo da cidade de Ourense. O pequeno foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) onde permanece fóra de perigo.
Segundo fontes próximas á investigación, o bebé foi descuberto por un indixente que se atopaba revisando o contido dun colector situado no número 20 da rúa Río Bibey.
Tras recibir os primeiros auxilos, o pequeno, de dous quilos de peso, foi trasladado ao CHUO con vida e atópase fóra de perigo. As forzas da orde iniciaron unha investigación para esclarecer o caso.
Segundo declaracións de testemuñas a varios medios, o bebé "nin sequera choraba, pois respiraba con dificultade". Ademais, aínda tiña o cordón umbilical e estaba depositado sobre a placenta.
A Policía Científica incautouse de toda a roupa e parte do lixo que había no colector, incluída a roupa, o cordón umbilical e a placenta, para analizala co obxectivo de achar probas que permitan identificar os pais do recén nacido.
Tanto o persoal sanitario como a propia Policía Nacional, sospeitan que foi abandonado no colector de lixo aos poucos minutos de nacer.
Escribe o teu comentario