Unha praga de ratas mantén pechado o comedor do colexio da Cañiza
É o segundo máis grande da provincia de Pontevedra e debería atender máis de 500 alumnos. Uns militares deron o aviso hai máis dun mes.
Debería estar a dar servizo a máis de 500 alumnos.
A aparición de roedores nun almacén da cociña do CIP de A Cañiza obriga a manter pechado o comedor escolar (o segundo máis grande da provincia de Pontevedra), que atende a máis de 500 alumnos.
Segundo a Xunta, a praga "está controlada" e o servizo podería reabrir a próxima semana, se os técnicos sanitarios o autorizan.
Segundo explicou o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, as ratas foron detectadas por militares da Brilat de Pontevedra que utilizan as instalacións para acampar no verán. Tras alertar ao Concello, este puxo os feitos en coñecemento da Consellería de Educación.
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, explicou que o seu departamento foi avisado da praga o 28 de agosto, "e inmediatamente, o 29 de agosto, enviouse a inspectores a confirmar a denuncia e elaborar un plan de actuación".
Así, indicou que tanto Xunta como Concello contrataron os servizos de desratización e, segundo as últimas certificacións recibidas este mesmo martes, "a praga de roedores está controlada".
A partir de aí leváronse a cabo outras actuacións para garantir a seguridade e as condicións hixiénico-sanitarias, entre elas a limpeza interior e exterior do colexio, a limpeza e hixienización do comedor, desinfección de utensilios, etc.
"Despois da aplicación dos produtos hai que tomar mostras, que van ao laboratorio. Iso ten un tempo de cultivo, e estamos a esperar os resultados", explicou o alcalde.
INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS
Pola súa banda, a Asociación de Pais e Nais do CIP celebrará este martes ás 8 da tarde na aula Cemit do centro comarcal A Paradanta unha reunión para informar os pais sobre a situación, os motivos polos que o comedor permanece pechado, e para aclarar as súas dúbidas.
A portavoz da asociación, Marta Rodríguez, lamentou a "tardanza" na actuación da Xefatura Territorial de Educación, e lembrou que o aviso da brigada da Brilat ao Concello se realizou o 14 de agosto. En todo caso, avogou porque agora se tome o tempo necesario para garantir a seguridade dos nenos.
As medidas adoptadas, e a necesidade de esperar polos resultados de laboratorio para confirmar as condicións aptas do comedor, obrigan a ter o servizo pechado, cos inconvenientes que iso creou ás familias: os nenos teñen que ir comer ás súas casas, e iso xera problemas de conciliación en moitos casos, porque os proxenitores traballan.
Así, entre os cambios que se viron obrigados a realizar, tívose que modificar o horario de transporte dos alumnos de ESO, para que coincida co de Primaria, de forma que "perden horas lectivas os luns", ao ter que saír antes da clase.
Escribe o teu comentario