Calidade fronte a prezo para adxudicar 109 comedores escolares galegos
Educación dá máis peso aos menús e a outras melloras na calidade sobre a oferta económica das novas licitacións.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estendeu a outros 109 comedores escolares galegos a mellora que a Administración galega introduciu na última licitación parcial de 20 comedores celebrada en febreiro de 2016, engadindo novos criterios e determinacións para alcanzar unha "excelente xestión do servizo".
Estes requisitos inclúense nos 24 lotes para a xestión de 109 comedores escolares durante o curso 2017/2018 que licita a Xunta desde a súa plataforma de contratación e que supoñen unha cantidade aproximada de 2 millóns de menús, por importe de 8.175.694,44 euros.
Así, as empresas que opten a xestionar os 24 lotes deberán cumprir requisitos como acreditar ante a Administración educativa, cando non empreguen as propias cociñas do centro, "que as instalacións estean a menos de 200 quilómetros do colexio sinalado como referente en cada lote". Ademais, estas instalacións teñen que estar debidamente rexistradas e amparadas polas autorizacións sanitarias e administrativas.
O licitador deberá presentar tamén unha declaración responsable mediante a que, no caso de resultar adxudicatario, está obrigado a poñer a disposición dos centros todos os materiais requiridos para o idóneo servizo e quecemento, rexeneración ou refrixeración de menús.
Por outra banda, tamén se reduce o peso porcentual da oferta económica, que pasa dos 50 puntos sobre 85 da anterior licitación a 45 puntos sobre 100, ao introducir novas melloras puntuables, que perseguen unha maior calidade do servizo, como é o compromiso voluntario do licitador de empregar produtos lácteos de orixe galega, que se valora con 5 puntos.
SELECCIÓN DE MENÚS
Co fin de alcanzar un mellor equilibrio nutricional, establécense relacións de menús fixas que deberán obrigatoriamente servir as empresas licitadoras adxudicatarias, e que están avaliadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
Cada licitador poderá elixir, para a tempada outono-inverno e para a tempada primavera-verán, 10, 15 ou 20 menús fixos, que serán servidos sucesivamente, segundo a orde prevista na relación elixida. Isto mellora o sistema anterior, no que os licitadores escollían os menús sobre unha táboa de 40 dispoñibles.
Finalmente, esténdese tamén a estes lotes a esixencia de que a consellería lle reteña ás empresas o 1% do orzamento de adxudicación, unha contía que se destinará directamente a realizar auditorías periódicas co fin de comprobar o cumprimento dos pregos que rexen o contrato.
Escribe o teu comentario