Máis de 300 mozos de Santiago participarán nun plan de emprego xuvenil do Concello
O programa inviste una subvención europea para crear itinerarios formativos profesionais e mellorar a empregabilidade.
A xunta de goberno de Santiago aprobou este venres as bases e o procedemento para a selección das persoas participantes no Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego. Trátase dun programa que se vai desenvolver no período 2017-2020, e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade de Santiago, a través da creación de itinerarios formativos profesionais.
O alcalde, Martiño Noriega, salientou que este plan "é moi ambicioso, tanto polo seu orzamento polo número de mozos e mozas que se poderán beneficiar del". O programa ofertará 323 prazas, das que 227 serán para mulleres. Ademais, resérvanse 96 prazas para participantes con discapacidade, migrantes, de orixe estranxeira ou poboación xitana. Os participantes deberán ter máis de 16 anos e menos de 30 e estar desempregados. Terán prioridade os mozos e mozas empadroados en Santiago.
A posta en marcha do programa Mocidade con Emprego é posible grazas á subvención de máis de 1,5 millóns de euros que o Concello de Santiago obtivo do Fondo Social Europeo.
PERSOAS CON DISCAPCIDADE
Ademáis, o concello salienta nun comunicado que a Xunta de Goberno adoptou "dous acordos de especial interese para as persoas con discapacidade". Un deles é a aprobación das bases das axudas para o uso do servizo de taxi como medio alternativo adaptado. O importe destinado a esta nova liña é de 15.000 euros.
Ademais, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación Inserta Empleo, dependente da Fundación ONCE, para desenvolver actividades que favorezan a integración laboral das persoas con discapacidade.
Escribe o teu comentario