Prisión sen fianza para un presunto pirómano reincidente na comarca do Deza
Só este mes de agosto atribúenselle uns 16 incendios forestais, entre Agolada, Lalín e Santiso.
O Xulgado de Instrución número uno de Lalín decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para o veciño de Agolada, G.V.C. de 40 anos, detido como presunto autor de 16 incendios forestais rexistrados en agosto na comarca do Deza e en Santiso, e que xa foi detido en anos anteriores por provocar máis de 180 incendios.
Así o comunicaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), despois de que o home fose posto na mañá deste luns a disposición do Xulgado de Instrución número un de Lalín, que se atopa en funcións de garda. En concreto, é investigado por delitos de incendios forestais.
No marco da operación 'Ignis Arbor', que buscaba determinar a autoría dos incendios forestais rexistrados durante a primeira quincena de agosto na comarca do Deza, a pasada fin de semana procedeuse á detención deste home cando acababa de prender lume en dous puntos do monte en Ferreiroa (Agolada).
A investigación centrouse sobre el tras situalo co seu vehículo no lugar onde se iniciaron nove incendios forestais os pasados días 24 e 26 de agosto. A partir de aí, púidoselle vincular a outros lumes rexistrados tamén no mes de agosto; co que, en total, considéraselle o presunto autor de 16 incendios forestais: 13 en Agolada, dous en Lalín e un en Santiso.
O home foi detido en 2012 como autor de máis de 150 incendios forestais na comunidade galega, e investigado en 2015 por unha trintena de incendios máis rexistrados na provincia de Pontevedra; e a investigación actual segue aberta para tratar de determinar se é responsable doutros 12 lumes rexistrados en Agolada durante este verán.
Escribe o teu comentario