Os tres aspirantes a liderar o PSdeG coincidiron nun acto multitudinario
O tradicional Encontro socialista de Oroso celebrouse en vésperas de que se abra o prazo para presentar as candidaturas.
Encontro da Penateixa. Foto: PSOE Oroso
Os tres aspirantes a liderar o PSdeG coincidiron este sábado no tradicional Encontro Socialista da Penateixa, celebrado en Oroso desde hai 12 anos.
Segundo explicou o secretario xeral do PSOE de Oroso e alcalde da localidade, Manuel Mirás Franqueira, Xoaquín Fernández Leiceaga, Juan Díaz Villoslada e Gonzalo Caballero coincidiron e arrouparon o PSOE deste municipio durante este acto. O ano pasado, en plena campaña das autonómicas, participou o actual secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.
Este acto dos socialistas de Oroso ten lugar a só dous días de que comece a apertura do prazo de presentación de candidaturas os días 4 e 5 de setembro, tras o cal haberá dúas semanas para a recollida de avais.
Necesítase a firma dun 10 por cento dos militantes ou, o que é o mesmo, dun total de 1.014 afiliados en base ao censo pechado a data do 1 de abril.
As primarias nas que se elixirá o novo secretario xeral terán lugar o 8 de outubro e o congreso do que sairá a nova dirección celebrarase do 27 ao 29.
Ao Encontro socialista da Penateixa tamén acudiron varios alcaldes socialistas da provincia da Coruña, así como portavoces deste partido. En total, neste acto participaron máis de 500 persoas.
Escribe o teu comentario