Terceira xornada de tormentas que volverán deixar sarabiadas
Galicia está entre as zonas de España con maior probabilidade de que se repitan tormentas, pero "nin tan fortes nin tan xeneralizados" coma as de domingo e luns.
O luns caeron 3.500 raios en Galicia.
A inestabilidade no tempo resístese a abandonar Galicia, que volve estar en risco por fortes chuvascos e tormentas, acompañadas de sarabia e refachos de vento intensos.
Por terceiro día, espéranse tormentas xeneralizadas que poden ser localmente fortes, con abundante aparello eléctrico e ocasionalmente con sarabia. Ademais, de a nosa comunidade, afectarán ao Cantábrico oriental, Navarra, e ao sueste peninsular.
Con todo, Meteogalicia apunta que os fenómenos deste martes non serán "nin tan fortes nin tan xeneralizados" como en xornadas pasadas. En canto aos próximos días, a previsión sinala que o mércores continuarán as choivas xeneralizadas e o xoves volverá o anticiclón, aínda que cunha baixada de temperaturas.
MÁIS DE 3.500 RAIOS
A tormenta eléctrica e o mal tempo deixaron este luns máis de 3.000 raios en Galicia ao longo da xornada, segundo a información facilitada por Meteogalicia.
En concreto, rexistráronse 3.494 raios concentrados en maior medida entre as catro e as seis da tarde.
As intensas precipitacións rexistradas o luns en varios puntos da Comunidade galega deixaron 49 litros por metro cadrado en Baltar (Ourense) e 46 en Arzúa (A Coruña), localidades na que máis choveu.
E aínda que en Baltar e Arzúa só se rexistraron contratempos puntuais, a intensa chuvia provocou un regueiro de incidencias na capital galega, onde choveu a metade (22 litros por metro cadrado), pero onde nun período de 10 minutos se acumularon 9,1 litros por metro cadrado.
INUNDACIÓNS E AVARÍAS
As intensas chuvias e a tormenta eléctrica que afectaron a Santiago durante a tarde do luns provocaron inundacións en diversas rúas, en baixos comerciais e avarías na rede de semáforos da cidade.
Unha das zonas máis afectadas foi o polígono do Tambre, onde varios coches quedaron bloqueados debido ás inundacións, totalmente cubertos de auga e un deles envorcado. A pesar diso, non se rexistraron feridos.
Escribe o teu comentario