Só a costa se libra hoxe das tormentas e a saraiba
Desde a tarde do domingo ata primeira hora deste luns caeron en Galicia máis de 10.000 raios e a inestabilidade continúa.
As tormetas que este domingo alagaron numerosos lugares das provincias de Lugo e Ourense ameazan con outra réplica este luns.
A AEMET ten activada a alerta amarela en todo o interior e as zonas montañosas da comunidade. Só a costa e o sur de Pontevedra se libran.
Pola súa banda Meteogalicia, contabilizou entre o mediodía do domingo ata as oito da mañá máis de 10.000 raios caídos por practicamente toda a comunidade.
Así, numerosas localidades sufriron danos e inundacións este domingo. Na cidade de Ourense, o principal problema provocouno a choiva intensa. Os bombeiros de Ourense explicaron que se alagaron rúas e garaxes, ademais da caída dalgunha árbore, aínda que por fortuna non houbo que lamentar danos humanos.
A tormenta non durou máis de media hora, pero foi suficiente para provocar incidencias na cidade.
A saraiba tamén se deixou sentir no Carballiño. E é que, segundo explicaron fontes de Protección Civil da localidade, a intensa tormenta, que durou uns 15 minutos, e a choiva que lle seguiu despois alagaron tanto dous baixos como unha rúa do casco antigo da localidade.
A intensa saraiba tamén ocasionou danos en Boborás, onde se podían ver no chan, unha vez terminou de granizar tras 15 minutos sen dar tregua, pedras de xeo de considerable tamaño.
De feito, o alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, explicou que a saraiba foi "potente" e que se poden observar as súas consecuencias nas pólas e follas que as pedras de xeo romperon e arrastraron ao chan.
En Lugo, intensas trombas de auga acompañadas por momentos de raios e saraiba caeron, por exemplo en Chantada, Viveiro, na Terra Chá e na capital da provincia, provocando tamén inundacións puntuais e algúns danos.
En Viveiro afectou á romaría do Naseiro, obrigando aos romeiros a abandonar as súas casetas alagadas.
Escribe o teu comentario