Tributo aos alcaldes e sindicalistas vigueses asasinados no 36
A homenaxe contou coa asistencia de representantes políticos e familiares dos represaliados polo fascismo.
Acto no Xardín da Memoria Histórica.
A cidade de Vigo rendeu este venres, un ano máis, a súa homenaxe a Enrique Blein Budiño e Emilio Martínez Garrido, que foron rexedores en 1931 e 1936 respectivamente; ao que foi alcalde de Lavadores, José Antela Conde; e varios deputados e sindicalistas; todo eles "asasinados polas hordas fascistas" en 1936.
Así o lembrou o alcalde, Abel Caballero, no acto celebrado no Xardín da Memoria Histórica do cemiterio municipal de Pereiró, ao que asistiron familiares deses represaliados, concelleiros do PSOE e de Marea, deputados, representantes sindicais, e doutros colectivos.
O rexedor olívico subliñou que esta homenaxe se organiza como "acto con rango oficial" desde o Concello porque "é a mellor forma de honrar a memoria".
Caballero lembrou as figuras de Blein Budiño, Martínez Garrido, Antela Conde, e dos deputados socialistas e afiliados de UXT Heraclio Botana, Apolinar Torres, Ignacio Seoane, Ramón González Brunet, Antonio Bilbatúa e Ubaldo Gil. "O único delito que cometeron foi ser demócratas", apostilou.
Antes de realizar unha ofrenda floral ante o monumento en memoria aos represaliados, o alcalde afirmou que "pasaron 81 anos" desde os asasinatos destes políticos e sindicalistas, "pero seguen presentes na forma de facer política na cidade".
Escribe o teu comentario