Só o 14% dos pacientes que necesitan coidados paliativos os reciben
A OMS expresa que "é unha obrigación ética aliviar o sufrimento e respectar a dignidade das persoas".
A Organización Mundial da Saúde (OMS) denuncia que a atención de coidados paliativos segue sendo "insuficiente" a nivel global xa que cada ano só os reciben o 14 por cento dos pacientes que os necesitan.
A asistencia paliativa alcanza o seu maior grao de eficacia cando se implementa nunha etapa temperá no curso da enfermidade, segundo lembra este organismo de Nacións Unidas na súa páxina web, dado que "non só mellora a calidade de vida dos pacientes, senón que ademais reduce as hospitalizacións innecesarias e o uso dos servizos de saúde".
Actualmente estima que cada ano os necesitan uns 40 millóns de persoas, o 78 por cento en países de ingresos baixos ou medios. E no caso dos nenos, ata o 98 por cento dos que os necesitan viven nestes países máis desfavorecidos, case a metade en África.
DOR
A dor é un dos síntomas máis frecuentes e graves experimentados polos pacientes que necesitan coidados paliativos, e os analxésicos opiáceos son esenciais para o tratamento da dor vinculada con moitas afeccións progresivas avanzadas.
De feito, o 80 por cento dos pacientes con sida ou cancro e o 67 por cento dos pacientes con enfermidades cardiovasculares ou enfermidades pulmonares obstructivas experimentarán dor entre moderada e intensa ao final das súas vidas.
Ademais, tamén poden aliviar outros síntomas físicos dolorosos, incluída a dificultade para respirar, e controlar eses síntomas nunha etapa temperá é unha obrigación ética para aliviar o sufrimento e respectar a dignidade das persoas, segundo a OMS.
O problema, engade este organismo, é que en 2011 o 83 por cento da poboación mundial vivía en países en que o acceso a analxésicos opiáceos era escaso ou nulo.
QUE PODEN FACER OS PAÍSES?
Para mellorar esta situación, a OMS lembra que os sistemas nacionais de saúde son responsables de incluír os coidados paliativos no proceso continuo de atención de quen padece afeccións crónicas que poñen en perigo a vida, vinculando os ditos coidados cos programas de prevención, detección precoz e tratamento.
Escribe o teu comentario