Galicia, entre as tres peores comunidades de España para traballar

Os soldos baixos e a caída nas oportunidades de emprego e desenvolvemento profesional afunden aos traballadores galegos.


|

TrabajadorprecariedadNin os soldos nin as oportunidades animan o mercado laboral.

Galicia é a terceira peor comunidade autónoma de España para traballar, só por diante de Canarias e Castela-A Mancha, segundo o Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego, que profundiza no grao de satisfacción e nas oportunidades do mercado laboral no segundo trimestre deste ano.


No lado oposto, o ránking das autonomías con maior puntuación lidérano Cantabria, cunha nota de 6,3; Navarra (6,1) e a Comunidade Valenciana (6,1).


No caso de Galicia (4,9), segue perdendo puntos por sétimo trimestre consecutivo e permanece por baixo da media estatal, cunha puntuación de 5,5.


Se se teñen en conta os soldos, Galicia segue nos postos de cola. Atendendo ao salario medio, ocupa o décimo cuarto lugar, o que supón unha posición máis que un ano antes ao superar a Murcia.


En concreto, o soldo medio galego experimentou, segundo Adecco, un incremento interanual do 0,7 por cento, ata os 1.456 euros mensuais. Trátase, por tanto, da nómina media máis alta en Galicia desde marzo de 2015; aínda lonxe da media estatal, que alcanza os 1.637 euros ao mes.


PODER ADQUISITIVO


A pesar diso, o poder adquisitivo dos empregados na comunidade galega caeu un 0,5 por cento debido á subida dos prezos.


Comparando os datos entre xuño de 2015 e o mesmo mes deste ano, os traballadores de Galicia sufriron unha deterioración da capacidade de compra equivalente a 89 euros ao ano. Sitúase así como a segunda comunidade que menos perdeu, só superada por Madrid (31 euros).


No outro extremo está País Vasco, cunha perda equivalente a 520 euros; mentres que Cantabria rexistrou unha mellora de 881 euros. Tamén hai cifras positivas en Asturias (488), Comunidade Valenciana (82) e Canarias (66).


COBERTURA DO DESEMPREGO


Tamén analiza o informe a caída na cobertura dos parados, cunha taxa de desemprego que sitúa Adecco no 16,5 por cento.


A nivel estatal, 13 autonomías seguen a tendencia xeral de aumentar o grao de cobertura dos seus desempregados, mentres en Galicia foise reducindo nos últimos dous trimestres.


En concreto, o 52,1 por cento dos seus parados están cubertos por unha prestación de desemprego, a mesma taxa que tiña a finais de 2015.


OPORTUNIDADES DE EMPREGO


Nun contexto no que 15 comunidades melloran as súas puntuacións en materia de oportunidades de emprego e desenvolvemento profesional, Galicia é unha das dúas autonomías que retroceden.


Así, ocupa a oitava posición con 8,6 puntos; aínda que se mantén por encima da media estatal, con 5,6. Baleares segue na primeira posición, con 7,8 puntos, mentres Estremadura está á cola (3,8).


CONFLITIVIDADE LABORAL


Finalmente, en canto á conflitividade laboral, Galicia exhibe un lixeiro descenso e mantense na décimo cuarta posición dunha táboa que lidera Estremadura.


Tras encadear 13 trimestres consecutivos con descensos no número de folgas, este dato aumentou durante o segundo trimestre de 2017 ata os 22,3 conflitos por cada 100.000 empresas.


Deste xeito, colócase en quinta posición a nivel estatal. Por diante están Euskadi, Navarra, Cantabria e Asturias.


relacionada Un terzo dos contratos que se asinan en Galicia non chega a unha semana
relacionada "Temporalidade" e "precariedade", dúas constantes nos novos contratos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE