Un buque militar sae de Ferrol para loitar contra o tráfico de persoas no Mediterráneo
Estará á fronte do operativo internacional activado hai dous anos como resposta á crise migratoria.
Buque Cantabria. Foto: Armada Española
O Buque de Aprovisionamento para o Combate "Cantabria", partiu minutos despois das seis da tarde deste sábado de Ferrol para iniciar o seu despregamento en augas do Mediterráneo, onde estará á fronte do Operativo internacional contra o tráfico ilícito de persoas.
A Operación 'EUNAVFOR MED SOPHIA' activouse o 22 de xuño de 2015 para dar resposta á crise migratoria xurdida en augas do sur de Italia, e a ela sumáronse desde entón 25 países, que contribúen con medios navais, aéreos e terrestres.
O BAC "Cantabria" actuará en zona de operacións con buques de países aliados como Italia, Alemaña, Reino Unido e Francia. Por todo iso, este despregamento fomentará a interoperabilidade entre aliados e permitirá incrementar o adestramento e intercambio de coñecementos e experiencias.
Nesta ocasión será España a que liderará a Operación, que estará ao mando do Contraalmirante Javier Moreno a bordo do BAC "Cantabria". Desde o Ministerio de Defensa ponse de manifesto unha vez máis a contribución de España á loita contra o tráfico de persoas que está a ocorrer en augas do Norte de Libia.
Unha vez conclúa a súa participación na operación, o buque ten previsto o seu regreso a Ferrol a mediados de decembro.
Escribe o teu comentario