Máis de dous meses de atraso nunha axuda da Xunta para parados de Ponteareas
Unhas 20 persoas perceptoras da Risga deberían estar a traballar este verán, pero aínda non teñen noticias.
O Concello de Ponteareas critica o atraso da Xunta na resolución das subvencións para a contratación de 20 persoas perceptoras de Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga). En concreto, estes empregados realizarán traballos de roza de pistas municipais e mantemento de parques e áreas recreativas.
Segundo informou o Consistorio nun comunicado, estes empregos inclúense no programa de Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), que trata de facilitar o acceso ao mercado laboral ás persoas máis desfavorecidas e co nivel de renda máis baixo. Estes contratos teñen unha duración de sete meses, dos cales o 75 por cento son subvencionados pola administración autonómica.
Neste contexto, o Goberno local de Ponteareas afirmou que, en anos anteriores, as contratacións iniciábanse en maio e xuño para que os empregados se incorporasen "cando máis necesidades hai" nestes postos. Este ano, pola contra, a súa incorporación producirase "durante os meses de inverno", cando "non é preciso", asegurou.
Escribe o teu comentario