Case 20.000 asentos para ir en tren á Festa da Auga de Vilagarcía
Renfe reforza os servizos de media distancia o 15 e 16 de agosto. A DXT anuncia máis controis de alcol e drogas eses días.
Renfe reforza os servizos de media distancia.
A compañía Renfe incrementará as súas prazas ata as 19.000 durante os próximos 15 e 16 de agosto con motivo da Festa da Auga, que se desenvolverá durante eses días na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa.
Nun comunicado, a empresa ferroviaria explicou que reforzará os servizos dos trens de Media Distancia na Comunidade para desprazarse ata a dita festa. Así, o número de prazas de reforzo será dunhas 1.700 (unha cifra similar ao reforzo do ano pasado), sobre unha oferta global para ambos os días que supera as 19.000 prazas.
Con este aumento, a operadora pretende incentivar o uso do tren para desprazarse a este tipo de eventos e, neste sentido, aconsellou anticipar a compra para evitar as aglomeracións. Así mesmo, advertiu que se incrementará a vixilancia no acceso aos trens.
CONTROIS DE ALCOL E DROGAS
Ao mesmo tempo, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha en Galicia desde este venres 11 ata o martes 15 de agosto unha campaña especial coa que se intensificarán os controis da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores.
Tamén se potenciará a colaboración cos concellos para efectuar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
Escribe o teu comentario