Santiago arrastra un "déficit" de persoal por un "ERE encuberto" do PP
A edil María Rozas culpa ao Goberno de Agustín Hernández de deixar o consistorio sen funcionarios suficientes para a carga de traballo.
Santiago quedou sen un 20% de funcionarios.
A concelleira de Economía, Facenda e Administración de Santiago, María Rozas, afirmou que o anterior Goberno local, dirixido polo alcalde popular Agustín Hernández, levou a cabo un "ERE encuberto" que tivo como consecuencia o actual "déficit" de persoal que atoparon no verán de 2015. Esta situación, segundo asegurou, están a "tentala paliar" con contratacións e cobertura de xubilacións.
Rozas asegurou que, á chegada ao poder de Compostela Aberta en 2015, atoparon unha "administración pública en desmantelación". Segundo expuxo, o anterior mandato rematou con xubilacións e baixas médicas non cubertas, con listas de substitución obsoletas --dos anos 90-- e departamentos cun 40 por cento menos de persoal pero "coa mesma carga de traballo, senón máis", unha situación ante a cal "non se fixo ningún proceso de selección" de persoal.
En total, a concelleira estimou que, "desde o ano 2010", elimináronse "máis dun cento de prazas, reducindo o persoal nun 20 por cento", o que deixou, ao seu xuízo, unha estrutura de persoal "moi precaria".
Segundo o Consistorio, tratouse dun "ERE encuberto que obriga a externalizar os servizos" e que a actual administración "tenta paliar" con ofertas de emprego.
De acordo aos seus números, as contratacións desde a súa chegada á Alcaldía ascenden a 62 --sen contar coberturas de baixas médicas, que consideran que se deben cubrir "por defecto"--, que asentaron, principalmente, nos departamentos de política social, de obras, de urbanismo e de servizos económicos.
"LIMITACIÓNS" DA LEI MONTORO
Estas contratacións, segundo afirmou Rozas, leváronse a cabo a pesar das "limitacións moi grandes" dos concellos para contratar persoal. Esta situación, ao seu xuízo, débese á Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, mellor coñecida como 'Lei Montoro'.
Desta forma, 12 das contratacións correspóndense a substitucións por xubilación, mentres que o resto son "contratos programa" contemplados pola mesma lei, que incorporan funcionarios interinos por un máximo de tres anos. A edil resaltou tamén que "non é un modelo que compartan", porque cren que as administracións públicas "deben ter a posibilidade de ofertar emprego estable de calidade".
Con todo, a edil afirmou que "aínda existen carencias" debido a estas "limitacións", especialmente en "departamentos sensibles" como, segundo concretou, o de servizos económicos, a Policía e os servizos de extinción de incendios, pois, segundo denunciou, "a lei non lles permite dotalos con máis medios".
Desta forma, Rozas adiantou que "están a traballar" nunha "oferta de emprego ambiciosa" que contemplarán nos orzamentos do Concello de Santiago para 2018.
ROZAS PIDE "MARXE DE MANOBRA"
A maiores, a titular fixo un chamamento a que, nos orzamentos do Estado, se abra "a porta á contratación" por parte das administracións locais, pois a cobertura das xubilacións que xa contempla "non é suficiente" para paliar a "falta de persoal".
"Pídesenos ás administracións locais que asumamos máis competencias e que deamos servizos, pero impídesenos contratar persoal", criticou Rozas, que, a continuación, asegurou que "as dúas cousas non son compatibles".
Desta forma, pediu que os novos orzamentos contemplen unha "marxe de manobra" para que os concellos poidan tomar decisións "en función da súa situación económica", xa que considera "moi difícil explicarlles aos veciños que non se pode contratar pero que se teñen oito millóns de euros de superávit".
Escribe o teu comentario