Feijóo: "Para estar en Madrid en tres horas só nos falta o que nos falta"
O presidente autonómico mételle présa a Rajoy pola conexión de AVE, prometida no Plan Galicia.
O AVE, prometido no Plan Galicia do 2003.
Mariano Rajoy destacou que o AVE chegará a Galicia e ao País Vasco "á maior celeridade posible" xa que "son dúas das grandes prioridades" do seu Executivo.
Rajoy pronunciouse deste xeito durante o seu discurso no acto do 40 aniversario do grupo hostaleiro Hotusa, en Chantada, e en resposta ao presidente da Xunta, quen, nunha intervención previa, fixo referencia ás obras desta infraestrutura en Galicia. "Aos galegos para estar en Madrid en tres horas só nos falta o que nos falta", manifestou o titular do Executivo autonómico, sobre unha infraestrutura prometida no Plan Galicia de 2003 e atrasada agora ata 2019 como mínimo.
"Espero que en ambos os casos chegue á maior celeridade posible", asegurou Mariano Rajoy, que recoñeceu que, "do mesmo xeito que ocorre coas estradas", é "máis fácil" facer as obras por "zonas chairas" que "por zonas cunha orografía" como a galega, que "dificulta as cousas".
Por iso, incidiu en que as actuacións estarán finalizadas "máis pronto que tarde" como, segundo indicou, "ben sabe o presidente da Xunta que se ocupa, e fai ben, constantemente de que iso sexa así".
Escribe o teu comentario