"Hai montado un chiringuito ao redor da extinción de incendios"
O PSdeG critica que a Xunta non mantén "ningunha clase de prevención" e que fía á choiva a fin da tempada de lumes nos montes.
A deputada do PSdeG Patricia Vilán asegurou este luns que a Xunta gobernada polo PP "non quere cambiar" o "chiringuito" articulado ao redor da extinción de incendios en Galicia, unha cuestión que, criticou, fía "á natureza".
A preguntas dos medios durante unha rolda de prensa en Santiago, Vilán lembrou que os incendios son "un problema endémico" da comunidade, que empezan a notarse "no mes de agosto" en base ás temperaturas e ao estado dos montes e que cesan cando "empeza a chover".
"Esa é a política antiincendios do presidente Feijóo", criticou Vilán, que se basea en "crer na natureza" e esperar a que "empece a chover" para parar lumes coma o de Verín, que calcinou xa máis de 1.300 hectáreas.
Vilán lamentou que, desde a Administración galega, non exista "ningunha clase de prevención". "Sabemos cales son os problemas, hai montado un chiringuito ao redor da extinción dos incendios que non se quere cambiar", dixo Patricia Vilán, para quen a Xunta "non ten ningún tipo de interese en arranxalo".
Escribe o teu comentario