O día que empezou o incendio de Verín houbo outros 20 en Galicia
Ante as críticas ao funcionamento do dispositivo contra incendios, a Consellería revela cifras que normalmente oculta.
A conselleira revela cifras que normalmente oculta.
Durante o verán, os incendios forestais son unha constante na actualidade informativa, pero case nunca chegan a transcender todos cantos se producen.
E é que a Consellería do Medio Rural, desde 2010, o segundo verán que Feijóo estivo á fronte do Executivo, só informa daqueles lumes que superan as 20 hectáreas de extensión.
Con todo, a conselleira Ángeles Vázquez deu a cifra dos incendios que houbo o día 3 en toda Galicia, o mesmo día que empezou o de Verín, o máis grande do ano e que leva calcinadas máis de 1.300 hectáreas.
Ante as críticas ao dispositivo de extinción, a conselleira defende que o seu funcionamento foi "exemplar" e que en vinte minutos "había cinco medios aéreos actuando contra o lume". Recoñece que o vento e as condicións da zona impediron aos brigadistas frear o seu avance desde a terra cando chegaron aos oito minutos do aviso.
Así mesmo, sinalou que no día 3 de agosto se produciron ata 21 incendios en Galicia, 11 deles en Ourense. Unha revelación pouco habitual.
En canto aos lumes activos, a última hora da tarde deste sábado, o incendio de Verín seguía estabilizado. Mentres, o do concello lugués de Pantón, que empezou o venres, si puido ser controlado, afectando a unhas 250 hectáreas.
Escribe o teu comentario