Menos de 300 bebés nados este ano en Galicia levan antes o apelido da nai
En todo o mes de xullo, desde que entrou en vigor o cambio no rexistro, máis do 95% déronlle preferencia ao apelido paterno.
Só 291 bebés levan primeiro o apelido materno.
Os rexistros civís informatizados de Galicia rexistraron ao longo de 2016 un total de 291 peticións para antepoñer o apelido materno aos recén nados, segundo datos do Ministerio de Xustiza aos que tivo acceso Europa Press.
En concreto, a provincia na que máis peticións se realizaron foi na de Pontevedra, con 135; seguida da Coruña, con 102. Pola súa banda, en Lugo recolléronse 29 peticións e 25 en Ourense.
Iso si, en caso de ter algún fillo anterior, a orde dos apelidos establecido para a primeira inscrición manterase nos posteriores.
A fin da preferencia do apelido paterno en España non rematou, polo momento, coa súa hexemonía. Durante o mes de xullo, desde que está en vigor a medida, naceron 35.583 nenos en España e, deles, 193 levan primeiro o apelido materno, é dicir, un 0,5 por cento, segundo datos do Ministerio de Xustiza aos que tivo acceso Europa Press.
O último cambio operado para que non haxa preferencia do apelido paterno non parece fornecer aínda moito efecto, xa que se inscribiron máis bebés co apelido materno nos meses previos á entrada en vigor da nova normativa. Así, en toda España, en xuño, inscribíronse 320 nenos co apelido materno, dun total de 36.420 nacementos (0,8%). En maio, inscribíronse 298 dun total de 38.925 nacementos (0,7%).
Iso si, a tendencia a antepoñer o apelido materno si foi crecente no últimos sete anos, segundo os datos aos que tivo acceso Europa Press. Así, en 2010 foron 1.546 os bebés inscritos co apelido materno en primeiro lugar; en 2011, un total de 2.336; en 2012, 2.677; en 2013, 2.632; en 2014, 2.676; en 2015, 2.823; e en 2016, 2.953.
O apelido paterno segue sendo prioritario en todas as comunidades autónomas e provincias españolas.
Escribe o teu comentario