La Caixa alégralle as vacacións a 40 menores en situación vulnerable da Coruña
O programa da Obra Social destaca "os beneficios educativos e persoais que leva" un bo uso do tempo libre.
Imaxe dun campamento de verán de la Caixa.
Uns 40 nenos e mozos da Coruña en situación vulnerable participan este curso 2016/2017 e nas vacacións de verán nos centros abertos e colonias urbanas promovidos por CaixaProinfancia, o programa da Obra Social la Caixa de atención á infancia en situación de pobreza e exclusión, segundo informa a entidade.
Durante o primeiro semestre 2017, a fundación bancaria destinou 16.308 euros ao desenvolvemento destas actividades na Coruña que se dividen en distintas temáticas: deportivas e psicomotoras, artísticas, lúdicas, sociais, ambientais e cognitivas.
A finalidade destes servizos, que en toda España chegaron a 24.973 nenos e adolescentes, é, segundo a Obra Social la Caixa, "asegurar o dereito ao lecer e o tempo libre da infancia que vive en situación de pobreza e facilitar o acceso aos beneficios educativos e persoais que leva".
Ademais, precisa que as dúas iniciativas están organizadas por diferentes entidades sociais das máis de 400 de toda España vinculadas a CaixaProinfancia. Por outra banda, indica que as dúas modalidades de actividade "compleméntanse entre elas, de maneira que cada neno, nena ou adolescente pode participar en máis dunha delas".
Escribe o teu comentario