O festival 'Feito a Man', "un pracer de verán" que arrinca este xoves en Santiago

Esta edición ten programados máis de 70 concertos durante o mes de agosto e unha homenaxe especial ao cantante e compositor Narf.


|

FeitoamanpresentacionPresentación do Feito a Man. Foto: Concello de Santiago


A décimo cuarta edición do festival de música 'Feito a Man' arrinca este xoves en Santiago cun total de 78 concertos que se desenvolverán ao longo do mes de agosto en prazas e rúas de toda a cidade.


Ademais, esta "edición especial" trae consigo unha serie de novidades e homenaxes a personalidades "moi vinculadas" á traxectoria do festival compostelán.


Así pois, tal e como explicou a organización nun acto de presentación este luns, a décimo cuarta edición de 'Feito a Man' trae a Compostela, "un ano máis", a músicos "de todo o mundo", tanto "emerxentes como artistas xa consolidados", e unha ampla variedade de estilos como o pop, rock, jazz, blues, hip hop e música tradicional.


Neste sentido, Ánxeles Porto, organizadora do festival, precisou que "moitas das bandas" son de Santiago, o que "demostra" que a cidade "é un fervedoiro de artistas".


Con todo, ao longo destes 28 días de actuacións poderanse escoitar bandas e cantantes de países como Canadá, México, Ghana, Estados Unidos, Cuba, Escocia, Portugal, Inglaterra ou Irlanda.


BANDA SONORA DE AGOSTO


O alcalde, Martiño Noriega, destacou que o Feito a Man é "o fío musical polo que se emite a banda sonora do mes de agosto en Compostela. Estes concertos que te sorprenden camiñando pola cidade histórica". Por iso, engadiu, "o Concello está encantado de colaborar e duplicar esforzos para continuar consolidando a música en Compostela".


A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, quen tamén asistiu ao acto de presentación, cualificou o festival como "un pracer de verán" e un "luxo" para os composteláns, turistas e visitantes, que "coincide coas liñas do departamento de cultura da deputación da Coruña", para cuxos proxectos se inviste "case un millón de euros".


HOMENAXES


Na súa intervención, Noriega tamén tivo unhas palabras cara ao cantante e compositor Fran Pérez 'Narf', que faleceu o pasado mes de novembro por mor dunha grave enfermidade. Neste sentido, o rexedor lamentou que "a morte de 'Narf'" silenciase "parte da banda sonora da cidade".


Así pois, o día 30 de agosto, e como parte do peche deste ciclo de concertos, o espectáculo 'Camiñar sen fin. Concerto para Narf' fará un percorrido pola carreira do compositor de man de "ducias de artistas". Terá lugar na Praza da Quintana e, a pesar de que todos os concertos son gratuítos, a entrada para este terá un prezo de 15 euros anticipada, e 18 euros en despacho de billetes.


Doutra banda, Angus Grant, violinista da banda escocesa 'Shooglenifty', que faleceu o pasado outubro, tamén será homenaxeado dada "a súa gran relación con Galicia".


Neste caso, serán os propios 'Shooglenifty', xunto coa 'Banda das Crechas' e 'Tanxungueiras', quen renda homenaxe ao artista nun concerto o día 20 de agosto na Praza da Quintana. A entrada para este concerto terá un prezo de 12 euros de forma anticipada e 15 en despacho de billetes.


NOVIDADES


Como novidade, esta décimo cuarta edición estreará un viño propio. Trátase dun Ribeiro realizado con uva de treixadura que levará o nome do festival.


Así mesmo, a cita estrea unha aplicación para Android e iOS, que tamén leva o nome do festival e que se pode descargar de forma gratuíta. Segundo informou a organización, nela poderanse consultar os horarios de todas as actuacións, así como cambios nos escenarios por cuestións meteorolóxicas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE