Sen noticias do octoxenario desaparecido en Curtis o mércores pasado
O dispositivo de procura segue activo este luns para tratar de localizalo, cun radio de rastrexo ampliado.
Ramón Barral leva desde o mércores desaparecido.
Continúa activo do dispositivo de procura para tentar localizar o octoxenario desaparecido desde a tarde do mércores en Curtis, segundo informaron a Europa Press fontes da Garda Civil.
Así, o rastrexo para dar co ancián, que padece alzheimer e necesita medicación, continúa cun dispositivo conformado por unha patrulla da Garda Civil, integrantes de Grupos de Emerxencia Supramunicipais e efectivos da Xunta.
O home foi buscado nos últimos días nun radio duns tres quilómetros ao redor da súa vivenda, pero o sábado foi ampliado. Ademais, en días pasados uníronse ao dispositivo drons da Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias, que tentaron sen éxito localizar algún rastro do ancián.
O home, Ramón Barral Vázquez, de 89 anos, veciño da parroquia de Fisteus, está desaparecido desde a tarde do mércores. Minutos antes das 5 da tarde, o seu fillo contactou co 112 Galicia para dar a voz de alarma.
O octoxenario reside na Coruña e acudira a Curtis a pasar uns días coa súa familia. A última vez que se viu foi a uns 100 metros da súa casa, sobre as catro e vinte.
Ao longo da tarde do mércores desenvolveuse un primeiro operativo no que participaron diversos efectivos de emerxencias, así como un helicóptero da Garda Civil.
Escribe o teu comentario