A Costa da Morte organízase polos dereitos dos pacientes
Está convocada unha reunión en Carnota para crear unha asociación que una as forzas do sector e os usuarios da sanidade pública.
Sala de espera dun centro de saúde.
A cidadanía, preocupada polos recortes na sanidade pública, segue organizándose para facer visibles as súas demandas. Neste contexto, pacientes da Costa da Morte convocan os seus veciños para sondar a posibilidade de crear unha asociación en defensa dos seus dereitos na comarca.
A reunión será este mércores no Salón de Plenos do Concello de Carnota ao mediodía. Segundo os seus convocantes, nun comunicado difundido, a idea nace "de vivencias persoais debido á paulatina deterioración dos servizos sanitarios públicos como conseciencia da alarmante carencia de medios humanos e materiais produto das políticas públicas de recorte do gasto e o padecimiento dunha asistencia precaria e a saturación dos servizos sanitarios".
Así, a súa intención é "sumar forzas" dos usuarios e do sector, para "ter máis peso nas reivindicacións" e canalizalas ante os organismos e institucións públicas.
No comunicado explican que os seus obxectivos márcanse "poñer fin ao silencio dos pacientes e usuarios da área da Costa da Morte", desenvolvendo "un papel activo" na defensa dos dereitos, en colaboración cos profesionais sanitarios. Tamén traballarán pola "defensa do conxunto de pacientes e usuarios tanto a nivel individual como colectivo".
Ademais, cargan contra a "pretensión de lexitimar a privatización" do sistema público de saúde.
Escribe o teu comentario