Expertos en monte veciñal pintan un escenario futuro "dramático" polos incendios

Apuntan a que as condicións ambientais extremas como as que se xuntaron en Portugal serán "cada vez menos raras".


|

Incendioforestal


Temperaturas medias e altas máis elevadas, diminución das precipitacións e dos días de choiva dunha forma máis acusada a partir de 2060, unha vexetación máis mesta con menor humidade provocarán no futuro incendios máis grandes, rápidos e intensos, difíciles de apagar, con maior impacto no chan afectado e que supoñan unha maior ameaza para as zonas habitadas.


Este é o "dramático" panorama futuro que, segundo expertos en monte veciñal, traerá o cambio climático. A xornada sobre 'Montes veciñais: gobernanza, cambio climático e incendios forestais', organizada pola colectivo Iniciativa Comunais en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra, reuniu na Casa de Montes de Marcón, en Pontevedra, a representantes de comunidades de montes, profesionais do ámbito forestal e investigadores.


Todos eles trataron de analizar "de que forma afecta o cambio climático e que estratexias tomar para tentar combater eses efectos", segundo explicou o presidente de Iniciativa Comunais, Carlos Morgade.


"O que sucedeu en Portugal", sinalou Morgade en alusión ao devastador incendio en Pedrógão Grande onde 64 persoas perderon a vida e máis de 250 resultaron feridas, "é a constatación do que viñan avisando os técnicos".


Neste sentido, apuntou a que as condicións ambientais extremas serán "cada vez menos raras e poden complicar moito as condicións para apagar incendios, poñendo o perigo a vida das persoas".


En declaracións a Europa Press, Carlos Morgade asegurou que o monte "pode dar moito de si" como motor de creación de emprego, polo que convén "mellorar a xestión e contar con máis apoio da Administración", un aspecto que cualificou de "irregular".


Ademais, avogou por "discriminar" entre monte de propiedade particular e monte veciñal ou comunal, argumentando que neste último "moitas comunidades están a facer limpezas, rozas e xestión" do mesmo.


INCENDIOS


O científico José Antonio Vega Hidalgo, vinculado á Sociedade Española de Ciencias Ambientais e ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, sinalou na súa intervención que aínda que no últimos cinco ou seis anos se reduciu o número de incendios, "non parece fácil" que se vaia lograr este obxectivo.


Ante a perspectiva de que "o cambio climático esixirá unha nova selvicultura que reduza as posibilidades de que se produzan lumes de alta intensidade", Vega referiuse á necesidade de mellorar a situación da vexetación combustible a través da mestura de especies arbóreas e a limitación das especies pirófilas, a diversificación de usos do monte e un maior investimento en investigación.


Por último, José Antonio Vega alertou de que queda "moito que mellorar" na eficacia da extinción de incendios. Para iso, as súas claves son a formación e a especialización do persoal destinado a esta tarefa, acentuar a autoprotección, aproveitar a experiencia acumulada de anteriores incendios ao constatar que "hai un capital de información que se está perdendo", desenvolver modelos informáticos que axuden a prognosticar a evolución do lume e "priorizar onde é máis rendible intervir con tratamentos de prevención".


NEGOCIO


Entre os relatores nesta xornada, o presidente da Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son), Ovidio Queiruga, cualificou os incendios forestais como un "negocio" e, entre as maneiras de combatelo, apuntou "que os veciños tomen conciencia de que o monte é importante e pode ter moitos usos".


Pola súa banda, o presidente da Comunidade de Montes de Meira (Moaña), Javier Fernández, animou a "ver o monte como un potencial, un dos máis grandes a nivel europeo", precisou, no canto de telo "como un problema ou un gasto".


Tamén incidiu na importancia da produción madeireira porque "move diñeiro e postos de traballo" como fonte de ingresos "complementaria", aínda que procurando que sexa "madeira de primeira calidade, non de terceira, coma ata agora".

relacionada Máis de 220 hectáreas ardidas e casas ameazadas por dous incendios forestais en Monterrei
relacionada O plan de prevención de incendios de Ames, modelo para toda Galicia
relacionada PSdeG denuncia que a Xunta deixou 39 millóns en prevención de incendios sen executar

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE