O ex alcalde de Palas recorrerá a súa condena por acoso laboral
A sentenza da Audiencia de Lugo impón a Fernando Pensado oito anos de inhabilitación e 15 meses de cárcere.
Fernando Pensado, cando era alcalde. Foto: Xunta.gal
O ex alcalde de Palas de Rei e actual concelleiro do goberno municipal, Fernando Pensado, anunciou este luns que recorrerá a sentenza da Audiencia Provincial que o condena por prevaricación e por acoso laboral á secretaria municipal.
A Audiencia Provincial de Lugo condenou o ex rexedor a oito anos de inhabilitación por un delito de prevaricación e outros quince meses de prisión por un delito de acoso laboral á secretaria municipal, Celia González Vázquez.
En concreto, o ex alcalde avanzou que a súa "intención" é recorrer en casación ante o Tribunal Supremo, con independencia de que "as sentenzas hai que aceptalas". "Neste momento non me sinto, nin moito menos, satisfeito. Si que imos recorrer, eu ordeneille ao meu avogado que prepare o recurso e imos seguir para diante", recalcou.
Pensado puntualizou que non entra a "discutir" o que é o fallo da Audiencia de Lugo e asume que "hai que acatala". "A realidade é que eu percibo e o que me coñece percíbeo e a propia secretaria percibiu, neste xuízo, que non ía por ese camiño", resalta.
Escribe o teu comentario