A defensa do alcalde de Palas ve "motivos políticos" na denuncia por acoso laboral

A secretaria que denunciou a situación confía que o xuízo, que se inicia este martes, sexa "o final dun longo camiño". 


|

Alcaldepalasderei


A Audiencia Provincial de Lugo iniciou este martes, con media hora de atraso, o xuízo contra o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, e o seu predecesor no cargo, Fernando Pensado, por acoso laboral contra a secretaria municipal, unhas acusacións que a defensa do rexedor considera "falsas" e tras as que ve unha motivación de "carácter político".


Ademais do rexedor e do exalcalde, no banco sentan catro concelleiros, catro funcionarios e o exdirector xeral de Administración Local da Xunta, Norberto Uzal, para os que a Fiscalía reclama inhabilitación. Ademais, para Pensado e Taboada pide dous anos de prisión por acoso laboral e prevaricación. Outros delitos que se contemplan son usurpación de funcións públicas e infidelidade na custodia de documentos.


A secretaria, Celia González, que volveu ao Concello de Palas en outubro, asegurou ante os medios de comunicación, antes de entrar na sala, que está "coa ilusión de que despois de sete anos moi longos, dun proceso larguísimo", isto "por fin se resolva". "Véxoo como o final dun longo camiño", apostilou.


"FALSIDADE" DAS ACUSACIÓNS


José Ramón Sierra, avogado do alcalde, que se deu de baixa no PP para afrontar o xuízo, expuxo que na vista se pretende acreditar "a falsidade das acusacións, moi graves, polo carácter político que teñen a maioría das afirmacións da acusación particular".


"Estamos ansiosos de que comece isto e podamos limpar, dalgunha maneira, a nosa imaxe, a nosa dignidade e a nosa honra, que está estigmatizada e manchada por esta acusación despois de tantos anos", sostivo Sierra, que viu "moi curioso que a querela se interpuxese unha semana antes das eleccións" municipais.


Tanto este avogado como o de Fernando Pensado, Juan Carlos López Abad, piden a absolución para os seus patrocinados. "Unha absolución como unha catedral", engadiu Abad, para quen "non existe ningunha proba que leve a unha condena nun procedemento penal".


Con todo, o letrado admitiu implicitamente que "pode haber algún tipo de irregularidade como as hai en todos os concellos", aínda que serían "susceptibles da fiscalización por outros órganos xurisdicionais, como o Contencioso-Administrativo".


ATRIBUCIÓN "INXUSTA"


Antes do xuízo, os funcionarios do Concello de Palas de Rei tiveron o respaldo de UXT, co secretario da Federación de Servizos Eliseo Rivas á cabeza, que mantivo que a imputación a estes é "inxusta".


Tanto o alcalde, Pablo Taboada, como o exalcalde, Fernando Pensado, eludiron facer declaracións á prensa á súa chegada aos xulgados lucenses.


Segundo o escrito da Fiscalía, o suposto acoso laboral á secretaria comezou fai oito anos, sendo rexedor Pensado, pero a situación estendeuse con Taboada xa na alcaldía, desde 2011.


Durante ese tempo, di o Ministerio Fiscal, producíronse suspensións de emprego e soldo e mesmo o pleno chegou a votar a favor da destitución da alta funcionaria municipal.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE