Feijóo: "O Goberno non debe negociar nada coa actual Generalitat"

Cre que Rajoy pode optar a un novo mandato, pero se non o fai confía en que non designe o seu sucesor a dedo.


|

FeijoorajoycocheoficialFeijóo, nunha visita de Rajoy a Galicia.


Núñez Feijóo sostén que, "nos termos actuais" e co referendo do 1 de outubro fixado no calendario, sería "un gravísimo erro" negociar baixo a "ameaza" de declarar "independente" unha parte de España. Por iso, lanza unha mensaxe clara ao Goberno que dirixe Mariano Rajoy: "Non debe negociar nada" co actual Executivo catalán.


"Neste momento, o Goberno, xa sexa do PSOE ou do PP, non debe negociar nada coa actual Generalitat", sentenciou Feijóo, nunha entrevista concedida a Europa Press, nove meses despois do arranque dun terceiro mandato no que se consolidou como o 'barón' autonómico coa única maioría absoluta de España e co proceso soberanista catalán no foco político.


Feijóo argumentou que en Cataluña se vai "contra a democracia" porque "non se respectan as leis". Por tanto, defendeu que o Executivo central está "a facer o que ten que facer" e "mostrando claramente que o referendo non se vai celebrar". Así, avalou declarar "nulos ou ilegais" todos aqueles actos de carácter "administrativo ou político" susceptibles de "producir efectos no camiño" do 1-O.


En todo caso, preguntado acerca de se o Goberno debería aplicar o artigo 155 da Carta Magna e suspender a autonomía de Cataluña, replicou que "non hai que descartar ningún artigo da Constitución" porque, se non, "habería que derrogar" tal precepto.


FINANCIAMENTO AUTONÓMICO


Aínda que Feijóo é tallante acerca de que o financiamento non se use para negociar con Cataluña, o presidente galego non quere que se paralice este debate que --subliñou-- "non afecta a unha, senón a todas as comunidades".


"Cataluña non sentou á mesa. Imaxine o que quere negociar. Nós, se somos chamados á mesa de negociación, acudiremos", avanzou, á espera de que, "nas próximas semanas", se faga público o informe do comité de expertos que traballa nunha proposta para a reforma do sistema.


RAJOY FAI "MÁIS DO QUE PODE"


Preguntado acerca de se cre que Rajoy poderá esgotar a lexislatura, dada a situación do PP no Congreso e a aproximación de Podemos e PSOE ao recuperar Pedro Sánchez o liderado, replicou que hai uns orzamentos para 2017, o que significa que, "no peor dos casos, habería unha prórroga" das contas e que a lexislatura estivese nun 75 por cento esgotada".


"Creo que o presidente Rajoy está a facer máis do que pode e calquera persoa no seu lugar sentiríase razoablemente satisfeito", aseverou.


NON VE "INVEROSÍMIL" QUE RAJOY REPITA


Tras analizar a conxuntura política estatal e a situación do PP no Congreso, Feijóo recoñeceu que "nunca" lle preguntou ao seu xefe de filas se volverá presentarse nas próximas eleccións xerais pero, tras defender o seu labor, destacou que non ve "inverosímil" que o faga.


Amigo de medir os tempos e remiso a dar pistas sobre o seu propio futuro político, o líder do PP galego si ten claro que o seu partido na actualidade non aceptaría un 'dedazo' como o do ex presidente José María Aznar co propio Rajoy.


"EU NON PROTEXO A NINGUÉN"


O presidente da Xunta afirma que el "non protexe a ninguén" en relación ao accidente ferroviario de Angrois, tampouco a ex ministra de Fomento e presidenta do Congreso, Ana Pastor, compañeira súa no PP. De feito, no que a el respecta, comparecerá se finalmente hai unha comisión de investigación política en Madrid e o chaman.


Acerca de que son as vítimas as que reiteradamente demandaron esta comisión, recalcou que el "non" está en contra da mesma. "O que digo é que unha investigación política nun momento en que o preito está nas súas vías finais non achega nada", remarcou.


Aínda que preferiría pospoñer a comisión política a que se peche a vía xudicial, se finalmente esta sae adiante e o chaman para acudir ao Congreso, ten claro que, "por suposto", comparecerá.

relacionada Feijóo di que Rajoy non nomeará a dedo o seu sucesor, como fixo Aznar
relacionada Feijóo, sobre a sucesión de Rajoy: "Queda moito presidente por diante"
relacionada Exame semanal a Cataluña para que non gaste un euro no referendo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE