A seca non provocará problemas de abastecemento de auga nas cidades galegas
A Confederación Hidrográfica mantén a prealerta por seca e avisa de que as previsións de choivas "non son boas".
"O que malgastemos agora fará falta no outono".
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, confirmou este venres que a conca mantén a situación de prealerta de seca por escaseza de choivas e aínda que sinalou que "as predicións non son boas" descarta que que as grandes cidades vaian ter problemas de abastecemento.
"Hai que seguir fomentando medidas de aforro e un uso racional da auga, porque cada pinga conta e o que malgastemos agora fará falta en outono", dixo Francisco Marín antes de analizar os últimos datos dos indicadores do plan especial de seguimento da seca posto en marcha pola CHMS.
Marín explicou que a conca hidrográfica "segue en prealerta por seca" a pesar de que a media de 37 litros por metro cadrado de precipitacións caídas en xuño "melloraron lixeiramente" a situación dos encoros e augas subterráneas.
Desde a Confederación sinálase que a zona superior do río Sil --na zona ourensá de Valdeorras e no Bierzo-- e o río Cabe (Lugo), son os cursos que se atopan máis afectados pola seca. No outro extremo sitúase o río Miño.
En canto ás augas subterráneas, desde a CHMS alertouse de que o nivel freático da Terra Chá (Lugo) baixou de dúas a cinco metros; mentres que na outra gran zona húmida --A Limia (Ourense)-- a auga subterránea atópase a dous metros baixo terra, cando o habitual é que estea a 1,40 metros.
CORTES NAS VILAS GALEGAS
Tamén se referiu ás previsións de choiva por parte da Axencia Estatal de Meteoroloxía, AEMET, e dos centros de predición de inundacións da UE e de Estados Unidos, que "non son boas".
Así, Marín detallou que a axencia española apunta a que se rematará o ano hidrolóxico cunha caída dun 65% das precipitacións anuais.
A pesar da situación, desde a CHMS sinálase que unha situación de alerta en Galicia non supoñerá restricións para as grandes cidades e para as localidades que recollen as súas augas de presas augas arriba dos seus ríos, aínda que si podería haber "algún corte de subministración" nas vilas e localidades que toman as súas augas na cabeceira dos ríos ou de mananciais.
Escribe o teu comentario