Feijóo comprométese a non esquivar a investigación de Angrois
"Se hai unha comisión no Congreso, imos colaborar", resolve o presidente, aínda que cre que se utiliza "a dor dos familiares".
Recordo ás vítimas na curva de Angrois.
O presidente da Xunta comprometeuse este xoves a "colaborar en todo o que se pida" cunha hipotética comisión de investigación no Congreso dos Deputados en relación co accidente do Alvia ocorrido en Angrois o 24 de xullo de 2013.
A preguntas dos medios tras presidir o Consello da Xunta, Núñez Feijóo apostou por "non mesturar a política coa dor das vítimas" e lembrou que o partido que representa "segue pensando" que a investigación política "debería ir despois das sentenzas".
Neste sentido, criticou aos socialistas e a súa petición de investigación alegando que "non fai ningún favor ás vítimas" aquel partido que "dependendo do secretario xeral cambia de opinión", o que considerou "utilizar a dor" dos familiares.
Catro anos despois da traxedia que "quedou marcada na historia de Galicia", o presidente dixo que lle gustaría "ter xa unha sentenza" e a situación das vítimas reparada "desde o punto de vista da xustiza", que é "a única investigación profesional" que lles vai a dar "seguridade". "Que os xuíces digan todo o que teñen que dicir, afecte a quen afecte", resolveu.
Só con posterioridade consideraría adecuada o presidente galego unha comisión de investigación política, aínda que, no caso de que se constitúa, comprometeuse a colaborar con ela. "Se hai unha comisión no Congreso, imos colaborar en todo o que se nos pida", resolveu.
Sobre a evolución da seguridade desde o accidente, Feijóo recoñeceu que lle gustaría que o sistema ERTMS estivese instalado "en toda a liña de alta velocidade", aínda que apuntou que tanto este como o ASFA "achegan seguridade", polo que o trazado entre Ourense e Santiago "é a día de hoxe seguro".
Escribe o teu comentario