Chega o despregamento militar aos montes para disuadir os incendiarios
As Forzas Armadas prestan 27 patrullas para reforzar a campaña de prevención de incendios forestais.
Patrullas militares para os montes galegos.
Este venres, 14 de xullo, terá lugar a presentación da 'Operación Sentinela Galego', na que se explicarán os detalles do dispositivo, polo que as Forzas Armadas colaborarán na campaña de prevención de incendios forestais en Galicia. Un labor escaso de efectivos propios, como denuncian a miúdo os bombeiros e axentes forestais e medioambientais galegos.
Segundo informou o Ministerio de Defensa, as Forzas Armadas participarán este ano, como en exercicios anteriores, na "campaña contraincendios en Galicia a través da Operación Sentinela Galego".
Esta operación, segundo explica Defensa, realízase segundo o convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio e a Xunta de Galicia, que se iniciou no ano 2007.
O xefe da Brigada Galicia VII da Brilat, o xeneral de Brigada Antonio Romero Losada, foi designado para exercer o control das forzas militares participantes na operación que se desenvolverá entre o 15 de xullo e o 15 de setembro.
A participación das Forzas Armadas, no seu nivel inicial, será de 27 patrullas, pero Defensa destaca que se pode aumentar o dito número "en función do nivel de esforzo".
Ademais de unidades da Brilat, que desprega 22 patrullas, participarán cinco patrullas pertencentes ao Terzo Norte de Infantería de Mariña, con sede en Ferrol.
Escribe o teu comentario