O xuíz cita a declarar a Cortabitarte como investigado por Angrois
O mesmo día 27 deste mes está prevista unha ratificación dos informes dos peritos sobre a análise de riscos.
Andrés Cortabitarte, citado a declarar o día 27.
O xuíz Andrés Lago Louro, quen instrúe a causa polo accidente do Alvia que tivo lugar no barrio compostelán de Angrois, decidiu citar a declarar en calidade de investigado a quen fora director de Seguridade na Circulación de ADIF, Andrés Cortabitarte.
En concreto, segundo unha providencia á que tivo acceso Europa Press, citouno para o próximo día 27 ás 13,00 horas nos xulgados da capital galega, dous días despois do cuarto aniversario do sinistro ferroviario.
Esta convocatoria chega apenas 10 días despois de que a Audiencia Provincial da Coruña desestimase os recursos de apelación interpostos polo propio Cortabitarte e por Adif contra a decisión do xuíz de investigar a este último na causa.
No seu auto, os maxistrados do tribunal provincial confirmaron que existen "indicios dunha actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos" de quen agora foi recolocado por Adif na subdirección de Xestión Loxística de Aprovisionamento.
O mesmo día en que o home ao que Lago Louro atribúe --ao mesmo nivel que ao maquinista polo seu descoido-- 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, está prevista unha ratificación dos informes dos peritos.
RATIFICACIÓN
En concreto, o instrutor sinalou nesa data a ratificación dos informes entregados en xaneiro polos peritos Juan Carlos Carballeira e César Mariñas. Ambos sinalaron nos seus informes que a análise de riscos integral non se fixo, aínda que as discrepancias residen na obrigatoriedade.
O enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira, perito designado xudicialmente e que é funcionario da Xunta, sostén que "non era obrigatorio" en base á normativa europea, "dado que non existía un cambio significativo nas instalacións existentes".
Con todo, Mariñas, considerado polas partes o perito independente, defende que a posta en servizo dunha nova liña de alta velocidade "debe considerarse un cambio significativo do sistema ferroviario" e que o cambio do proxecto construtivo "supuxo igualmente un cambio significativo".
Neste contexto, o maxistrado tamén pediu un informe á Axencia Ferroviaria Europea para que determine se a avaliación integral de risco era "normativa e/ou tecnicamente necesaria" na liña Ourense-Santiago, onde se produciu o descarrilamento.
Escribe o teu comentario