Un plan "único e integral" para acabar co caos do socorrismo nas praias
O PSdeG propón unificar unhas condicións laborais "decentes" en toda Galicia e os criterios para fixar o número de profesionais por areal.
O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, alertou este xoves da convocatoria "tarde e insuficiente" do decreto de axudas da Consellería de Economía para a contratación de socorristas nas praias galegas e reclamou á Xunta un plan "único e integral" que coordine este servizo en toda Galicia.
Nunha rolda de prensa, o deputado socialista apuntou que a tardanza do Goberno galego "deixa desabastecidos" deste servizo "boa parte dos areais galegos".
As axudas, dixo, resultan "insuficientes" para cubrir os dous socorristas que necesitan de forma continuada durante todo o horario de baño estimado como mínimo para as 113 praias con bandeira azul na Comunidade, "por non falar do resto dos areais". Así mesmo, "a Xunta só cobre dous meses, deixando setembro sen vixilancia" e "tampouco chega para subvencionar os patróns de embarcacións de salvamento".
Díaz Villoslada alertou de que os concellos teñen que recorrer a fondos propios ou ser apoiados por outras administracións para non perder esta distinción e garantir o servizo.
Ante esta situación, os socialistas propuxeron á Xunta a creación, de cara ao próximo ano, dun Plan de Cooperación Integral "único" que coordine todos os axentes implicados e unifique a nivel galego o servizo de socorristas en praias.
Isto permitiría "normalizar e estabilizar" os socorristas activos nas praias galegas, con condicións laborais "únicas e decentes" para os profesionais e fixando a cantidade necesaria en cada areal, dixo Villoslada.
Escribe o teu comentario