A Xunta desconvoca a reunión co sector do transporte e presume de dialogar
Os sindicatos consideran unha "falta de respecto" o plante con 20 minutos de antelación, mentres Rueda di que negociarán "ata a extenuación".
A Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, desconvocou este mércores con só 20 minutos de antelación a reunión tripartita acordada, tras a cita que mantivo cos sindicatos e onde se chegou a un principio de acordo.
Así o deron a coñecer as centrais nun comunicado, onde tachan de "falta de respecto" o plante da Xunta. "Esta ruptura unilateral do diálogo ampara que queren seguir cun conflito aberto que están a sufrir todos os cidadáns por culpa dun goberno ineficiente que adopta decisións máis propias dunha reunión nun bar que as que debe adoptar un goberno serio", reprochan.
Mentres, o vicepresidente, Alfonso Rueda, manifestou o seu desexo de que se desbloquee canto antes o conflito do transporte e presumiu de que o Executivo autonómico tentará "negociar ata a extenuación, ata o último momento".
Os sindicatos consideran esta actitude como de "prepotencia", cando se estaba comezando a avanzar nun conflito "iniciado polo mesmo goberno".
No comunicado conxunto, UGT, CCOO e CIG defenden a súa postura de diálogo para "tentar emendar o desastroso plan de renovación do transporte", actitude que levarán, afirman, á próxima reunión tripartita, convocada para o xoves pola tarde.
En todo caso, os sindicatos insisten na "necesidade de máis acougo, tempo e reflexión" para atopar unha solución.
Escribe o teu comentario