O Consello das Mareas rexeita ampliar a coordinadora para integrar sensibilidades

Non levarán esta proposta ao plenario porque "non ten sentido integrar pola forza a quen non quere integrarse"


|

Enmareavillares


A dirección de En Marea, composta por un total de 11 persoas e encabezada por Luís Villares, realizou unha proposta de ampliación da actual coordinadora para pasar de 11 a 15 membros e, deste xeito, "integrar a todas as sensibilidades".


Con todo, esta proposta, que foi presentada ao Consello das Mareas, non contou coa unanimidade deste órgano composto por un total de 35 persoas --non todos os integrantes estaban presentes na votación--. En concreto, a iniciativa foi rexeitada por sete membros pertencentes ao sector crítico --Podemos, Esquerda Unida, Marea Atlántica e un sector de Anova liderado por Rafael Dopico--.


Preguntado entón pola fórmula que propón o sector crítico ao non apoiar a iniciativa impulsada pola coordinadora de En Marea, Villares revelou que "non se explicitou ningunha alternativa" no Consello das Mareas.


Así as cousas, a coordinadora de En Marea non levará esta proposta ao plenario que se celebrará o vindeiro sábado 15 de xullo na capital galega, pois considera, tal e como explicou o seu portavoz aos medios, que "non ten sentido integrar pola forza a quen non quere integrarse".


REXEITA UNHA REVOGACIÓN DA DIRECCIÓN


Villares asegurou que se se impulsase calquera movemento para que os inscritos tivesen a última palabra sobre unha reconfiguración da coordinadora, entón a dirección situaríase a favor. "Se a iniciativa política ten que vir de quen agora decidiu non apoiar esta (proposta), pois benvida", aseverou.


Preguntado entón por se apoiaría mesmo unha revogación da dirección, dixo que non. "Para nós sería positivo non unha revogación, senón unha integración", resolveu.


PRAZOS


O censo para inscribirse no plenario estará aberto ata o 10 de xullo, mentres que a aprobación dos textos definitivos que levarán terá lugar este mesmo sábado día 1.


Pola súa banda, este domingo 2 xullo enviaranse os textos aos inscritos, e a recepción de emendas poderase efectuar ata o 10. Así, o 11 terá lugar a cualificación das emendas por parte da comisión redactora, o 13 enviaranse as emendas cualificadas ás persoas inscritas e o 15 celebrarase o plenario.


ANOVA CRE NECESARIO VOLVER AOS INICIOS


Anova aposta por "volver aos consensos constituíntes de En Marea do 30 de xullo". Deste xeito situouse a Coordinadora Nacional de Anova, que se reuniu este sábado pola mañá no Hotel Congreso de Teo (A Coruña).


En concreto, a Coordinadora Nacional de Anova, tal e como o partido precisou nun comunicado, analizou o momento actual do espazo de confluencia en Galicia e ratificou o seu "compromiso inequívoco" coa construción dun espazo de ruptura. A este respecto, fixou a súa "posición crítica" respecto da evolución actual de En Marea.


"Entendemos que neste momento o debate non pode centrase na conformación dos órganos de dirección de En Marea, senón no debate político, nas liñas de actuación a desenvolver no seo da sociedade galega", defende a Coordinadora Nacional de Anova, que debateu e aprobou un documento no que aposta por que En Marea "se constrúa ao redor dos consensos fundacionais da Asemblea de Vigo do 30 de xullo".

relacionada Ferreiro, descontento coa elección da coordinadora de En Marea
relacionada Villares, sobre a coordinadora: "Non foron excluídos, foi unha renuncia"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE