Villares, sobre a coordinadora: "Non foron excluídos, foi unha renuncia"

O portavoz defende que en En Marea xa "non hai partes" e reprocha que "os que decidiron non estar terían que dicir por que".


|

Luisvillaresmarea


O portavoz de En Marea, Luís Villares, pediu ás persoas que decidiron "autoexcluirse" da coordinadora de En Marea que expliquen "por que" o fixeron, xa que o maxistrado cre que foi unha "decisión" persoal. "Non é que fosen excluídos, foi unha renuncia", reiterou.


Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional de España, Luís Villares defendeu que a elección da coordinadora acordada polo Consello das Mareas a pasada semana é "proporcionada aos resultados" das eleccións internas aos órganos de dirección do partido instrumental.


"Había compañeiros que preferían outra composición que non fose proporcional, pero os estatutos obrigábannos a iso", expresou Villares ante as acusacións lanzadas por sectores críticos dentro do Consello das Mareas que aseguran que a configuración da coordinadora "exclúe" do órgano de dirección do partido instrumental a Anova, a Marea Atlántica, Podemos, Esquerda Unida e outras mareas municipalistas, como Ourense en Común e Nós Pobra.


Así, reiterou que a intención inicial foi "incluír todas as voces que forman o espazo de confluencia" dentro da coordinadora, pero, segundo Villares, houbo quen "decidiu autoexcluirse". "É unha decisión de quen o fai, pero non é que fosen excluídos; foi unha renuncia. [...] Os que decidiron non estar terían que dicir por que", apostilou.


E é que Villares cre que o "mellor" sería tomar as decisións por "consenso", pero que, de non alcanzarse, deben tomarse "por maioría, que foi o que pasou neste caso". "As regras de maioría non deixan fóra a ninguén", incidiu.


Deste xeito, repetiu que a composición do Consello das Mareas e da coordinadora reflicte o expresado por "unha maioría de inscritos" cuxa vontade se debe "respectar con independencia da forma de chegar aí".


PORTAVOCÍA


"A coordinadora é unha, a dirección do partido é unha e o Consello das Mareas é único. Executamos un único proxecto político. Xa non hai partes, xa non hai partidos; só hai un proxecto político que é o de En Marea", incidiu.


En canto á súa elección como único portavoz orgánico --opción que vetaba o documento político da candidatura 'Mais alá!', liderada polo propio Villares--, o maxistrado en excedencia sinalou que "todo o proxecto político (de En Marea) ten máis profundidade que esa cuestión".


PARTIDOS DENTRO DE EN MAREA


Logo dunha semana na que recibiu críticas desde varios dos diferentes sectores que forman o partido instrumental, o tamén portavoz parlamentario expresou que "os partidos son motores auxiliares" do espazo de confluencia, xa que En Marea é "un partido de adscrición individual".


"As vicisitudes internas de cada organización non poden influír nas decisións de En Marea. Unha parte de En Marea que somos independentes queremos que isto funcione. Non podemos condicionar o seu funcionamento a dinámicas internas de partido", remarcou.

relacionada Villares séntese "apoiado" polos alcaldes das mareas malia as críticas recibidas
relacionada Villares queda como único portavoz de En Marea
relacionada Ferreiro, descontento coa elección da coordinadora de En Marea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE