Galicia vota a favor do déficit do 0,3% en 2018 e pide "non descartar" unha baixada de impostos

Facenda estima que a senda de consolidación terminará para a Xunta a finais de 2018 e aí xa empezarán a "xogar outro tipo de regras". 


|

Valeriano 3


A Xunta de Galicia, a través do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, votou a favor do obxectivo de déficit do 0,3% establecido polo Goberno central para 2018. Por outra banda, sobre unha eventual baixada de impostos do Executivo de Mariano Rajoy, opinou que é recomendable "estudalo con calma" pero "non negar" esa posibilidade.


En preguntas dos xornalistas á saída do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), o representante galego lembrou que esta comunidade autónoma "sempre" foi partidaria, "desde 2009", coa chegada do PP, "de entrar na senda de consolidación fiscal".


Así, estimou que a dita senda terminará "aproximadamente a finais de 2018" para Galicia, "se todo vai como ata agora foi". Nese momento, avanzou, "xa empezan a xogar outro tipo de regras".


"Comprobamos que o resultado de todo isto estase trasladando en maior actividade económica", chamou a atención, para expoñer que "hai outro tipo de impostos que si están a crecer", como o IVE, polo consumo, dado que "o diñeiro no canto de detraerlo dunha maneira directa vía renda está a deixarse nas mans dos cidadáns, que están a consumir máis". "E estamos a ingresar as administracións máis", apostilou.


Igualmente referiuse ao caso do IRPF, que "tamén resulta que despois das baixadas --refírese á do tramo autonómico-- está a crecer un 3,7%, máis que o que está a facer a media de España".


Por iso, avisou de que "non hai unha relación tan directa e tan fácil" que apunte que "non se poden baixar os impostos porque se non non se poden atender os servizos". "Porque o xogo da economía tamén vai noutras direccións, vía consumo e renda dispoñible das familias", incidiu.


Así, o conselleiro considerou que "hai que estudalo con calma pero ao mesmo tempo non negar a posibilidade, porque xa está comprobada, e para o caso o de Galicia, que baixadas selectivas de impostos e mesmo baixadas non tan selectivas o que producen é unha activación económica e como resultado as administracións teñen maiores ingresos".


O OBXECTIVO DE DÉFICIT


En canto ás cifras aprobadas como obxectivo de déficit para os próximos anos, o titular de Facenda sinalou que están "correlacionadas" coas que se determinaron en decembro e de feito "o único que se fai é engadir un ano, o 2020".


"Acabamos de constatar a evolución do 16, como está a ir máis ou menos o 17 dunha maneira correcta e que tamén se reflicte na actividade económica e no emprego xeral en España e en Galicia en particular", expuxo.


Así as cousas, valorou que "o importante é o que está a permitir dunha maneira ordenada seguir financiando os servizos públicos, seguir tendo un dos períodos medios de pago entre os mellores do réxime común en toda España, e por aí van seguir indo os tiros proximamente", para terminar resumindo o CPFF deste xoves como "un acto de normalidade".


A maiores, sobre peticións de obxectivos asimétricos, comentou que "sempre" as houbo, aínda que considerou que é unha "petición superada nos últimos dous anos ou tres", pois no 15, o 16 e o 17 xa foron "sempre simétricos, que é a forma correcta" ao parecer da Xunta.

relacionada Os Orzamentos de 2017 entran en vigor este xoves

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE