SOS Sanidade Pública acusa o PP de "desmantelar" Cirurxía Pediátrica en Ourense

Deputadas de En Marea, BNG e PSdeG acompañaron á plataforma nas súas reivindicacións, ante o que entenden como "acoso e derribo" deste servizo. 


|

Ciruxiapediatricaourense


A Plataforma SOS en Defensa da Sanidade Pública presentará unha denuncia o vindeiro venres ante Fiscalía "contra o desmantelamento progresivo case definitivo" do servizo de Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).


Así o manifestou este mércores o portavoz da Plataforma, Anxo Pérez Carballo, ás portas do CHUO durante un acto de protesta que contou co respaldo das deputadas no Parlamento galego Noa Presas (BNG), Noela Branco (PSOE) e Eva Solla (En Marea).


Para Pérez Carballo no últimos oito anos produciuse un "grave acoso e derribo" do servizo de cirurxía pediátrica, froito dunha "decisión fría e calculada" do PP para desmantelar o servizo e "que non sexa atractivo para ningún profesional vir a Ourense".


Así, explicou que desde 2009 o CHUO pasou de contar con catro cirurxiáns pediátricos e ser "o máis eficaz e efectivo" de todos os hospitais de Galicia a ter só un "ao que queda pouco para xubilarse" e que "non pode facer as intervencións programadas", porque é necesaria a presenza de dous cirurxiáns "por protocolo" no quirófano.


Esta situación motiva, segundo a Plataforma, que algúns nenos tarden máis de seis meses en ser atendidos ou que teñan que repetir as probas pre operatorias "porque caduca a súa fiabilidade".


Tamén provoca que algúns dos que son derivados a Vigo "teñan que ir a consulta e reiniciar toda a roda de diagnóstico e probas".


A plataforma considera que este desmantelamento "pode ser motivo de lícito penal", polo que ten previsto presentar este venres unha denuncia ante Fiscalía e solicitar o apoio da Valedora do Pobo, Milagros Otero.


APOIO DO BNG, PSOE E EN MAREA


A deputada nacionalista Noa Presas, lembrou que esta "é unha peza máis" nas deficiencias da área sanitaria de Ourense que "se suma ás continuas denuncias do BNG no Parlamento e na rúa" e que reflicte "unha situación límite" da sanidade na provincia.


"Aínda que nos digan que non hai colapso, veñan con datos maquillados ou co desprazamento puntual dun especialista non nos vale".


"Queremos un servizo de calidade e de atención 24 horas cada día para cirurxía pediátrica", do mesmo xeito que ocorre "en calquera outro punto do país", abundou a nacionalista.


A socialista Noela Branco incidiu na volta dun servizo "importantísimo" e que "ten o resto das cidades" e pediu aos deputados do PP no Parlamento galego que se pronuncien sobre os problemas no CHUO e especialmente "respecto deste tema".


"Onde había un servizo o PP creou unha lista de problemas", sinalou a socialista antes de lembrar que o descenso de cirurxiáns pediátricos no CHUO supuxo "un esforzo económico" para familias que se tiveron que desprazar 100 quilómetros desde Ourense e o dobre desde Trives e Valdeorras.


Eva Solla, de En Marea, lembrou que este tema debateuse no Parlamento, e que a súa formación defenderá que se restableza "este servizo as 24 horas do día" para as familias ourensás.


O CHUO CONFIRMA QUE SE RETOMARON As OPERACIÓNS


Pola súa banda, a xerencia do Sergas en Ourense manifestou a súa "vontade irrenunciable" por "manter un servizo propio en Ourense evitando traslados" e informouse de que grazas á coordinación co servizo de Cirurxía Pediátrica de Vigo púidose retomar a programación de operacións no CHUO á espera de contratar un novo cirurxián.


Así, fontes hospitalarias confirmaron que desde o pasado 21 de xuño retomáronse as intervencións en Ourense.


Tamén sinalaron que mentres que non se atope unha solución definitiva e "para non alongar a espera dos nenos en lista" para operarse, despois de ser avaliados polo Servizo de Cirurxía Pediátrica de Vigo ofreceráselles a posibilidade de operarse na cidade olívica se non queren esperar para facelo directamente en Ourense.

relacionada Traballadores do Chuac rebélanse contra a política de peche de camas no verán

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE