Suárez admite que "se incrementan as dificultades" tras a expulsión de Leira
Confía en que a elección de Pedro Sánchez cambie a situación "para mellor" e non descarta que o PSOE volva ao goberno municipal.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, admitiu este domingo que "se incrementan as dificultades" despois de que a asemblea de Ferrol en Común (FeC) acordase este mércores esixir a acta á concelleira de Obras, Esther Leira, tras a crise aberta no Goberno local con motivo da súa saída dun pleno a pasada semana por discrepancias internas.
A expulsión de Esther Leira do grupo municipal e a retirada das súas competencias deixa a FeC con só cinco concelleiros, e ao goberno de Suárez con sete, xa que dúas concelleiras son non adscritas procedentes do PSOE.
En concreto, o rexedor ferrolán foi preguntado sobre este asunto este domingo pola mañá na celebración dos dous anos de goberno de Marea Atlántica. "Increméntanse as dificultades, é obvio", manifestou aos medios.
A continuación, asegurou que, aínda que son só sete concelleiros gobernando en Ferrol, seguen mantendo "a ilusión" e "a confianza da xente na rúa". "Cremos nas nosas capacidades e imos seguir traballando por Ferrol", afirmou, xusto antes de limitarse a dicir, en alusión á concelleira Esther Leira, que "estas cousas suceden e non son agradables".
GOBERNO CO PSOE
Preguntado por se considera que a elección de Pedro Sánchez como secretario xeral do PSOE pode cambiar a relación con este partido en Ferrol, opinou que Beatriz Sestayo "representa un PSOE desacreditado pola súa propia militancia".
A continuación, Jorge Suárez confiou en que esta elección "pode cambiar a situación para mellor": "Non só en Ferrol, senón en global".
"Se hai unha alternativa de esquerdas ten que ser con diálogo, e que ese programa común que podemos ter de goberno leve adiante, con ou sen Sestayo", resolveu.
Escribe o teu comentario