Leira quere continuar no goberno de Ferrol como edil non adscrita
Volveu a apuntar á deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz (EU) ao considerar que é quen está "detrás" do conflito.
Esther Leira á esquerda da imaxe // FeC
A concelleira de Obras do Concello de Ferrol, Esther Leira, asegurou que non contempla entregar a súa acta na asemblea que esta tarde celebrará Ferrol en Común e avanzou a súa intención de continuar na corporación municipal como edil non adscrita.
"O que me tira é seguir como concelleira non adscrita e defender o programa de Ferrol en Común que para iso fun redactora xunto a outra persoas. Eu estou na disposición de seguir como non adscrita e vou defender a miña honestidade, a miña seriedade e o meu traballo porque, con todo o boicot que teño, podo presumir de que o meu traballo é impecable", manifestou nunha entrevista concedida á Radio Galega.
Esther Leira, que o pasado venres abandonou o pleno por discrepancias internas, non oculta o seu malestar polas declaracións do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e do portavoz do grupo municipal, Álvaro Montes. "Xa me retiraron de facto o acta aínda que ilexítimamente", denuncia a concelleira, que asegura que a asemblea que terá lugar este mércores non se axusta aos estatutos de Ferrol en Común.
Ademais, volveu apuntar á deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz (EU) ao considerar que é quen está "detrás" do conflito. "Desde o primeiro momento estamos ante a toma de Ferrol en Común por parte de Esquerda Unida", manifestou.
E é que na súa opinión, esta formación "xa están a preparar as próximas municipais". "Esquerda Unida quere acaparar e conseguir a maioría disfrazada de movementos e de mareas municipalistas", apuntou.
Escribe o teu comentario