Ferrol en Común retíralle as competencias a Esther Leira e pídelle que renuncie á acta
A decisión foi acordada con 35 votos a favor, tres abstencións e un voto en contra na asemblea celebrada este mércores.
Ferrol en Común, formación sobre a que recae o goberno municipal de Ferrol, instou ao alcalde da cidade, Jorge Suárez, a retirarlle as competencias de Obras, Vivenda, Rehabilitación e Medio Ambiente a edil crítica Esther Leira, á que tamén pedirán que renuncie á súa acta de concelleira e posibilite a chegada dun novo integrante á corporación ferrolá.
Esta decisión foi acordada con 35 votos a favor, tres abstencións e un voto en contra na asemblea celebrada por Ferrol en Común na tarde deste mércores no local de En Marea, situado na rúa Magdalena de Ferrol.
Precisamente, a edil acudiu ao comezo da asemblea pero, aos poucos minutos e tras pedir que se dese lectura aos estatutos do partido, decidiu abandonar a sala ante a negativa. E é que, segundo alegou, a asemblea non é valida dado que os estatutos non son conformes á actual lexislación.
Xa á saída do recinto e en declaracións aos medios, a concelleira volveu a trasladar aos medios que non ten intención de entregar a súa acta.
CAUSAS
A esta situación chegouse despois de que Leira decidise ausentarse o pasado venres, 16 de xuño, da votación dunha modificación de crédito nun pleno extraordinario, ao considerar que na mesma non se recollía unha partida de 300.000 euros que o rexedor se comprometera a incluír con ela para substituír unha cuberta dun edificio do barrio de Recimil, de propiedade municipal.
Tras esta decisión, Leira acusou a Jorge Suárez de "liderar un goberno determinado, un staff, que toma unha serie de decisións" no que cre que ela é vista como "unha persoa molesta". Ademais, lamentou que tivese que "falar fóra", porque no seo do goberno non podía.
O pasado luns, Leira, incidía en que non aceptará "o peche en falso desta situación" e considerou que trata dunha "cuestión política de fondo" que "leva arrastrando desde hai máis de dous anos". "Mesmo de antes da chegada ao goberno", apuntou
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez sempre mantivo que sería a asemblea de Ferrol en Común a que tomaría unha decisión "colectiva" sobre as medidas a tomar.
REACCIÓN DA OPOSICIÓN
Desde a oposición, os portavoces dos grupos mostráronse preocupados por esta situación. A popular Martina Aneiros lamentou a "evolución negativa" do goberno e pediu ao alcalde que reflexione sobre "a súa teimosía en seguir gobernando nesta cidade cun equipo de goberno roto, dividido e tan minoritario".
Pola súa banda, a portavoz socialista, Beatriz Sestayo, mostrou a súa "perplexidade" ante as "contradicións" do alcalde no caso das concelleiras do PSOE, agora non adscritas, e o de Leira. Sestayo avanzou que os socialistas estudan iniciativas porque "hai que ampliar as esferas dos espazos de coparticipación e iniciativa de resto de grupos".
O portavoz do BNG, Iván Rivas, sinalou que o importante é que o goberno empece "a pensar un pouco máis nos problemas que ten esta cidade e que deixen de mirar o seu propio embigo permanentemente".
Por último, Ana Rodríguez Masafret, portavoz de Cidadáns, reclamou diálogo e chamou a esquecer "a guerra de vaidades", que hai nos grupos. Así mesmo, defendeu a necesidade de sentar a acordar cuestións fundamentais para Ferrol porque, na súa opinión, "é evidente que cunha persoa menos no goberno e cinco persoas que teñen que asumir todo é inviable".
Escribe o teu comentario