Pontón solicita por carta a Feijóo un "gran acordo de país" en política forestal
A líder do BNG pide sacar conclusións da situación que viviu Portugal, dadas as "similitudes" de realidade territorial e forestal.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que lle solicita un encontro entre ambos para abordar un "gran acordo de país" en materia forestal.
"Un acordo que permita corrixir os erros de décadas e establecer as bases para un monte limpo, ordenado e multifuncional como mellor antídoto contra os incendios e a favor dun rural vivo", sinala a formación nacionalista nun comunicado.
A portavoz nacional do BNG pídelle a Feijóo un encontro para "poder trasladar as propostas que ten o BNG en materia de política forestal" e poñer en marcha este "gran acordo de país" que sente as bases para "unha nova política forestal" que, segundo pide, "deixe atrás os erros cometidos durante as últimas décadas".
Na misiva enviada a Monte Pío, a nacionalista lémbralle ao presidente que o Bloque propón desde hai anos "un cambio na política forestal" de Galicia e considera que "a catástrofe humana e ambiental" que acaba de sufrir Portugal "fai imperativo sentar a falar".
"VIRO DE 180 GRAOS"
"Desde o BNG insistimos na necesidade de facer un gran acordo de país que lle dea un xiro de 180 graos á xestión do monte", sinala Ana Pontón que recoñece que aínda que "os cambios necesitan tempo", é "urxente sentar a dialogar para poñer en marcha unha xestión do monte adaptada á realidade".
"Unha xestión do monte adaptada á nosa realidade, que pense no interese xeral e deixe de hipotecar o noso futuro polos intereses de empresas contaminantes como Ence", apuntou.
E é que para Ana Pontón "non é posible ser alleos" á situación que vive Portugal e considera "obrigado" sacar conclusións que axuden a evitar que unha situación similar poida volver producir dun lado ou do outro do Miño.
Neste sentido, incide nas similitudes da realidade territorial e forestal entre Galicia e o país veciño. Así, entre outras, cita "o abandono do rural e do monte, a falta de ordenación forestal, a fortísima presenza de especies foráneas pirófitas (eucalipto e piñeiro) ou a desestacionalización dos incendios".
Escribe o teu comentario