O centro de Lugo terá máis presenza policial tras as últimas pelexas
Lara Méndez alega que non cumpren os cocientes das Policías nin da Garda Civil e reivindica un reforzo de efectivos por parte do Goberno central.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este xoves que se reforzou a presenza policial no centro da capital luguesa tras as últimas pelexas e o menudeo de drogas entre mozos que se advirte nos arredores do Círculo das Artes.
Méndez explicou que a "preocupación" por estes incidentes trasladouse á Xunta Local de Seguridade, "porque os problemas hai que atallalos antes de que crezan".
Ademais, a rexedora concretou que nestes seis meses o Concello "fixo un reforzo de 91 xornadas, o que significa case tres meses de reforzos" por parte da Policía Local, unha petición que eleva a nivel de administración central.
"Ese mesmo esforzo e tamén reclamei máis efectivos (policiais) á xunta de seguridade. Temos unha diminución de efectivos, non cumprimos os cocientes establecidos, nin na Policía Local, nin na Policía Autonómica, nin na Garda Civil, nin a Policía Nacional. Faise necesario ese reforzo de efectivos por parte do Goberno central", reivindicou.
Así mesmo confirmou que o Concello pediu que se instale unha "cámara de vixilancia" na contorna do Círculo das Artes, unha solicitude que se dirixiu á "comisión de carácter autonómico" á fronte da que está o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
PLAN DE OBRAS
Por outra banda, Lara Méndez confía en que no pleno da próxima semana a oposición vote co goberno municipal socialista o plan de obras que pretende impulsar por máis de catro millóns de euros.
Neste sentido, a rexedora de Lugo espera que "impere a cordura e que prevaleza o ben da cidade". "O labor da oposición, máis aló de facer propostas, é o labor de control e fiscalización, pero non de impedimento ao labor do goberno", sentenciou.
Escribe o teu comentario