A onda de calor amaina e as temperaturas suavízanse este xoves
A parroquia de As Petarelas, en Rubiás (Ourense), rexistrou onte a temperatura máxima de Galicia, con 38,6 graos.
// Meteogalicia
A onda de calor amainará na xornada deste xoves, coa entrada dunha masa de aire de orixe atlántica que se encargará de suavizar as temperaturas en Galicia e achegará moita humidade, especialmente na franxa costeira. Este feito motivará que as temperaturas descendan de forma lixeira ou moderada.
REXISTRO MÁXIMO NAS PETARELAS
Este mércores, o primeiro día do verán oficial, deixou rexistros moi altos en varios puntos da xeografía galega, especialmente na provincia de Ourense. Concretamente, a parroquia das Petarelas, no municipio ourensán de Rubiás, rexistraba este mércores a temperatura máxima de Galicia, ao alcanzar os 38,6 graos, segundo os datos recollidos por Meteogalicia.
Outras zonas nas que tamén se rexistraron valores similares foron A Portela de Vilamartín de Valdeorras, con 38,3 graos; ou Verín, onde se chegou aos 37,9.
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade informou de que os hospitais galegos non recibiron este mércores ningunha incidencia grave relacionada co episodio de altas temperaturas que vive Galicia desde o pasado sábado.
Escribe o teu comentario