A FP dual, aposta "estratéxica" da Xunta para o curso 2017-2018
Román Rodríguez destaca tamén as novas liñas para estender o plurilingüismo, as aulas dixitais e as destrezas tecnolóxicas.
A aposta "estratéxica" pola FP Dual e as novas liñas para estender o plurilingüismo, as aulas dixitais e as destrezas tecnolóxicas son os grandes eixos da acción da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o próximo curso, tras un ano de "melloras" en calidade e equidade e de "redución" do fracaso escolar.
Así o avanzou o titular do departamento autonómico, Román Rodríguez, nunha comparecencia a petición propia en sede parlamentaria, no pleno, para dar conta do balance dun curso escolar que finaliza co "razoable" cumprimento dos compromisos adquiridos.
Este novo ano traerá un aumento do 31,6 por cento nas prazas de FP Dual no marco dunha convocatoria de 29.591 prazas de primeiro curso en toda a FP e de 1.182 ciclos, que se presentará este mesmo martes no Consello Galego desta etapa educativa.
Rodríguez destacou a participación de empresas como Estrella Galicia ou Inditex e o impulso de 16 novos proxectos, entre eles tres ciclos de FP Dual con titulación dobre.
Nesta liña, implantaranse catro títulos de nova creación, dous deles en FP Básica (mantemento de vivendas e actividades domésticas), un de grao superior en réxime ordinario de Promoción da Igualdade de Xénero e outro de FP Dual de Redes e Estación de tratamentos de Auga, que ata agora "só se podía estudar en Cataluña".
A Xunta tamén empezou a "dar pasos" para o próximo curso coa aprobación en Consello de Goberno da nova estratexia de ensino plurilingüe, 'Edulingüe', pola que se estenderá a "todas as etapas" coa inclusión de Infantil e FP.
Pola súa banda, a nova estratexia de Ensino Dixital para a integración "real" das TIC no sistema educativo mellorará a dotación de infraestrutura e conectividade, estendendo ao 100% de centros a intranet de 100 megas, xerando novos contidos dixitais e fomentando as vocacións científicas a través da introdución da robótica en primaria (dotaranse kits para un máximo de 120 centros) ou a extensión dos Clubs de Ciencia.
Á súa vez, convocarase o Consello Galego de Convivencia en "próximas semanas" para facer balance dos pasos dados e seguir desenvolvendo e consolidando "novas liñas de actuación" neste campo.
BALANCE "OPTIMISTA"
Rodríguez esgrimiu, á súa vez, as melloras en "calidade e equidade" ou a redución en 10 puntos desde 2009 do abandono educativo temperán permiten "ser optimistas e positivos" sobre a situación do sistema educativo, sustentado no "realismo, a responsabilidade e os resultados" e na "normalidade" da actividade lectiva.
O conselleiro destacou a súa defensa dos "intereses" do sistema galego en temas como a OPE, garantindo a "seguridade xurídica" do proceso", ou no seu traballo esixindo a suspensión dos efectos académicos das chamadas 'reválidas' en Bacharelato, referíndose á oposición para asegurar que "o tempo dá e quita razóns".
Rodríguez reivindicou a "aposta clara" polo plurilingüismo, con 100.000 alumnos beneficiados, 282 centros plurilingües e case 3.900 seccións bilingües, ademais do proceso de dixitalización de aulas desde 5º de primaria ata bacharelato, a aposta polo libro dixital e o plan de mellora de bibliotecas escolares.
Por iso, valorou a mellora de 13 puntos nos resultados do informe PISA como un dos territorios "con mellor competencia" en comprensión lectora, e que Galicia supera en todos os valores á media española e da OCDE. "Os mellores datos recentes da nosa historia".
"CEBAR" Á CONCERTADA
Tras a comparecencia de Rodríguez, a deputada do BNG Olalla Rodil ironizou co seu papel de "facer oposición á oposición" a través de "referencias bíblicas". Fronte a unha Lomce contestada nas rúas, apostou por "unha lexislación propia galega" para "dotar de estabilidade" ao sistema, ademais de reducir estudantes por aula e dotar de máis profesorado.
Finalmente, arremeteu contra a decisión de "hipotecar" 1.500 millóns de euros para "cebar o ensino privado-concertado" e insistiu na necesidade de apostar polo plurilingüismo pero "sen renegar do propio", criticando que a Xunta equipara "realidades lingüísticas distintas" e "de costas" á lingua galega.
Luís Álvarez, do grupo socialista, reprochou a "improvisación e a ineficiencia" no curso "con mais tensión do corpo docente que se lembra", criticando o "desprezo polo diálogo" da Xunta ao rexeitar calquera iniciativa por "por mero feito de ser da oposición".
Doutra banda, sinalou que "pasará historia como o conselleiro que perdeu o control do transporte escolar da comunidade autónoma de Galicia", preguntándose se se atenderán as "queixas" dos centros por supeditar a modificación horarios aos intereses das compañías de transporte.
"DELEGADO DO GOBIERNO"
Por parte do grupo de En Marea, Luca Chao terminou a comparecencia de Rodríguez coa sensación de vivir "constantemente o día da Marmota", arremetendo contra o "seguidismo" da consellería ao Estado case "como delegado do Goberno" en temas como a OPE ou as 'reválidas' en lugar de "reverter case unha década completa de recortes" no sistema.
A deputada de En Marea advertiu que as "graves desigualdades territoriais" entre rural e urbano ou "o abandono" da lingua galega "casan mal" co "discurso da recuperación" do departamento autonómico, que utiliza a FP básica para converter estes centros en "guetos" e para tapar os datos de fracaso escolar.
Finalmente, César Fernández Gil, do Grupo Popular, valorou que se recoñeza a "necesidade de seguir mellorando" tendo presente a "normalidade e os resultados positivos" cultivados este curso.
Por iso, acusou á oposición de tentar "alentar unha realidade que non se corresponde cos feitos", porque "non lle interesa unha normalidade" que implique "ausencia de conflitos", que "é o que lle dá sustento ao seu discurso".
Escribe o teu comentario