Educación e Viaqua poñen en marcha o primeiro FP dual de tratamento de augas en Galicia

|

JuliomasidromanrodriguezconvenioFPdual


O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Roman Rodríguez; e o Director de Viaqua, Julio Masid, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo cal 15 alumnos e alumnas poderán matricularse o próximo curso na modalidade de FP Dual do ciclo de grao medio en 'Redes e Estacións de Tratamento de Augas'. Trátase dun ciclo de nova implantación en Galicia --e de implantación moi reducida no resto do Estado--, polo que estes 15 pupilos serán os primeiros titulados deste grao medio, "unha oportunidade inmellorable para os futuros técnicos", afirman desde Educación. 


A formación curricular do título impartirase no CIFP Politécnico de Santiago, mentres que a complementaria e formación en empresa desenvolverase nas instalacións de Viaqua. 


O titular do departamento educativo da Xunta agradeceu a colaboración de Viaqua para continuar facendo crecer o modelo de FP Dual en Galicia, do que xa están en marcha 47 proxectos que implican a 50 empresas e que contan con máis de 500 alumnos matriculados. 


Rodríguez tachou o convenio asinado con Viaqua de "matrimonio moi produtivo", ao aproveitar a actividade profesionalizadora da empresa para que o alumnado coñeza de primeira man a realidade dos centros de traballo e o tecido produtivo galego. 


Masid pola súa banda salientou a vontade de Viaqua de "formar aos mellores profesionais do futuro" no sector da auga, onde os alumnos do FP dual en 'Redes e Estacións de Tratamento de Augas' terán a vantaxe de ser "especialistas"


ACTIVIDADE PROFESIONALIZADORA


O ciclo desenvolverase entre setembro de 2017 e setembro de 2019. Durante o primeiro trimestre de ambos os cursos, o alumnado asistirá a clases do CIFP Politécnico, mentres que durante os segundos e terceiros trimestres desenvolverá a súa actividade profesionalizadora a través dunha estancia en Viaqua. 


A través deste convenio, Viaqua comprométese a financiar o proxecto de formación regulado neste convenio, mediante o establecemento dun sistema de bolsas dirixidas ao alumnado participante. 


Ademais, para facer un seguimento do alumnado, a empresa nomeará unha persoa como titor ou titora do alumno ou alumna, e que será responsable do seguimento da actividade formativa, da coordinación da actividade profesionalizadora coa actividade formativa e da comunicación co centro de formación. 


O centro tamén designará a un profesor ou formador, como titor resonsable da programación e do seguimento da formación, así como da coordinación de avaliación co profesorado. 


OUTRAS COLABORACIÓNS


Ademais do convenio para o primeiro FP Dual nesta materia que se implantará en Galicia, Viaqua e Educación asinaron outro acordo polo cal alumnos de ciclos formativos poderán desenvolver o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) nesta empresa, para o que tanto Viaqua como o centro educativo designarán persoas titoras. Outra das liñas previstas refírese á cesión, por parte da compañía, de equipamento para o seu uso na formación práctica. 


Doutra banda, Viaqua e a Consellería de Educación colaborarán na formación e actualización do profesorado, tanto a través de cursos, seminarios, estudos, etc. como de estancias en empresas por tempo definido. Así mesmo, e dentro do plan de recoñecemento de experiencia profesional, a Consellería analizará coa empresa a posibilidade de acreditar a experiencia profesional de traballadores e convocar aquelas cualificacións profesionais vinculadas a determinados postos de traballo. 


Por último, Educación e Viaqua promoverán accións conxuntas no desenvolvemento de proxectos de innovación, promoción do emprendemento entre o alumnado, no relativo ao plan de prevención de riscos específicos en centros ou na organización dun programa de visitas a Viaqua dirixido ao alumnado de educación secundaria. 

relacionada ViAQUA celebra o Día Mundial da Biodiversidade co programa de voluntariado BiObserva
relacionada A creatividade e o emprendemento sumaron forzas no primeiro Aquae Talent Hub de Galicia
relacionada ViAQUA fomenta a cultura de vida saudable entre os seus traballadores

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial
Powered by Bigpress