En Marea, "aberta a buscar puntos de encontro" co PSOE de Pedro Sánchez
O líder de En Marea asegura que os resultados das primarias reflicten a demanda das bases socialistas de dar "un xiro á esquerda".
O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, volveu abrir a porta a "buscar puntos de encontro" co PSOE ante o inicio da nova etapa de Pedro Sánchez como Secretario Xeral, aínda que lembrou que esta posibilidade "dependerá" dos propios socialistas.
A preguntas dos medios este sábado antes de participar nun foro sobre dereitos sanitarios, Villares realizou un chamamento destinado ao PSOE a que "se realmente fan ese xiro á esquerda poidan atoparse coas políticas do cambio que están a facer as mareas nos concellos onde gobernan".
Deste xeito, ante a celebración do Congreso Federal socialista que referendará a Pedro Sánchez como Secretario Xeral, o portavoz parlamentario do partido instrumental incidiu en que "de momento é pronto para ver" se a nova etapa no PSOE supón un achegamento ás forzas de esquerda.
Así, comentou que os resultados das primarias reflicten a demanda das bases socialistas de dar "un xiro á esquerda" en lugar dunha "gran coalición co PP" como, segundo Villares, "si quería" a "cúpula" do PSOE.
"A partir de aí deberían producirse consecuencias políticas que deberían ser buscar formulas alternativas de goberno, non só no Estado senón en todas as instancias", apostilou.
Escribe o teu comentario